O presidente provincial participou este mércores na presentación dun evento que reunirá os días 15 e 16 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra a profesionais do sector da comunicación de recoñecido prestixio en Galicia e España
O titular do executivo provincial insistiu no apoio da Deputación a esta iniciativa, así como na independencia do seu programa: “A Deputación tiña que estar porque compartimos ese camiño cara a consecución da igualdade”
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarcou este mércores o compromiso do goberno provincial coa igualdade e co apoio institucional para que o traballo que realizan as mulleres teña a visibilidade que merece na presentación da sétima edición do foro “As mulleres que opinan son perigosas”, que tivo lugar esta mañá no Teatro Principal de Pontevedra. “Ningunha opinión que teña como fin a igualdade pode ser perigosa. Serán minoritarias ou maioritarias, polémicas ou sutiles, críticas ou acríticas, dun espectro político ou doutro; pero todas son benvidas mentres coincidan na igualdade”, afirmou o mandatario provincial para subliñar a transcendencia deste programa. “De aí que Mulleres que Opinan sexa tan importante para reflectir esa pluralidade”, asegurou Luis López.
No acto de presentación desta iniciativa das xornalistas locais Susana Pedreira e Diana López, que contou coa presenza do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e da deputada provincial Sandra Bastos; o titular do executivo provincial reiterou o apoio da Deputación a este foro. “A Deputación tiña que estar porque compartimos ese camiño cara a consecución da igualdade, porque cremos en que unha sociedade sen fendas de xénero, tamén nos medios, é unha meta irrenunciable para calquera poder público e porque apostamos pola igualdade como un espazo amplo, cómplice e aberto a todos”, argumentou Luis López.
Neste sentido, o presidente tamén quixo deixar claro que esta iniciativa promovida por dúas xornalistas locais “é das participantes e do público, non de ningún cargo político que se nutra do traballo alleo para engrandecer a súa figura”. E insistiu en que o papel da Deputación neste foro, que suma xa sete edicións, “cínguese a apoiarvos”.
Relatoras de recoñecido prestixio en Pontevedra
Esta sétima edición de “As mulleres que opinan son perigosas” celebrarase en Pontevedra entre os días 15 e 16 de marzo e contará con relatoras de gran prestixio no sector do xornalismo e a comunicación como Olga Viza, Lucía Mendez ou Mariola Cubels. Os actos comezarán o venres 15 en horario de mañá coa inauguración do foro e as dúas primeiras poñencias e continuará pola tarde con outras catro conferencias. O programa continuará o sábado 16 con tres novas charlas a partir das 12 horas e concluirá pola tarde, despois doutras tres conferencias ás que lle porá o broche de ouro Olga Viza cunha intervención sobre a información deportiva desde un punto de vista feminino. Ademais, o presidente avanzou que, antes da celebración destas xornadas, a Deputación ten preparado un amplo programa centrado no 8-M, o Día Internacional da Muller.
Despois de agradecer o traballo das organizadoras e poñer en valor a súa iniciativa para dar o espazo que merecen as profesionais da comunicación, o presidente da Deputación convidou a toda a cidadanía a achegarse ao Teatro Principal estes dous días para escoitar os relatorios de xornalistas moi recoñecidas tanto en Galicia como en España. “Porque as mulleres que opinan non son perigosas, son imprescindibles”, concluíu Luis López.
Programa “As Mulleres que Opinan son Perigosas 2024”
Venres 15 de marzo
12:00 h Inauguración
Diana López e Susana Pedreira co Concello e coa Deputación
12:30 h Gañadoras do I Premio Opinión #MulleresQueOpinan:
Carolina Sertal e Carmen G. Magdaleno
13:15 h “Entender e desmontar o machismo: ‘eres una caca’”
Lula Gómez, guionista, podcaster e realizadora audiovisual
14:00 h Pausa para xantar
17:00 h “A beleza e a opinión nunca deben morrer”
Mercedes Corbillón, de Diario de Pontevedra e La Voz de Galicia
17:45 h “Desde a comedia e con retranca tamén se opina”
Jazmín Abuín, xornalista, cómica e actriz
18:30 h Pausa para o café
18:45 h “Maternidades precarias: entre o privilexio e a incerteza”
Diana Oliver, xornalista especializada en maternidade, infancia e saúde
19:30 h “Tres décadas observando e relatando o poder”
Lucía Méndez, de El Mundo
Sábado 16 de marzo
12:00 h “Ética xornalística no tratamento da violencia machista”
Ana G. Liste, de praza.gal
12:45 h “Entrando en Materia: ciencia, tecnoloxía e saúde con perspectiva de xénero”
Patricia Fernández de Lis, redactora xefa en El País e directora de Materia
13:30 h “De iso SI se fala: mulleres rompendo silencios persoais e colectivos”
Isabel Cadenas Cañón, xornalista, escritora e documentalista sonora
14:15 h Pausa para xantar
17:00 h “Vivir aquí: opinar desde o propio”
Cláudia Morán, de Nós Diario
17:45 h “Repensar o feminismo: apartheid de xénero e construción do relato”
Noor Ammar Lamarty, activista xurídica e podcaster
18:30 h Pausa para o café
18:45 h “Mellor que nunca: a revolución das mulleres +60”
Mariola Cubells, de La Ventana da Cadena SER e Huffington Post
19:30 h “Referente e pioneira: a información deportiva leva o seu nome”
Olga Viza, xornalista e presentadora de televisión

