O presidente provincial felicita ás dezasete nomeadas na gala realizada en colaboración con CIMA, na que actuou Guadi Galego e Margarida Mariño e á que asistiu o conselleiro de Cultura, José López Campos, así como representantes culturais e institucionais
López reflexiona que malia o aumento da presenza de mulleres no foco, cómpre seguir traballando con unidade e complicidade para acabar cunha desigualdade que persiste
“Aquí hai un só protagonismo, o das mulleres no cinema; un só foco, o voso; e unha soa causa, a da visibilidade feminina na pantalla”, defende López
As profesionais do audiovisual Beatriz Legerén, Lucía Veiga e Silvia Fuentes son as gañadoras da quinta edición dos premios Mulleres no Foco, entregados este venres no auditorio da sede de Afundación de Pontevedra. Un certame promovido pola Deputación e a Asociación de Mulleres CIMA que ten o obxectivo de dar visibilidade ao papel da muller no sector do audiovisual. A cerimonia de entrega destes galardóns, que estivo amenizada coa música de Guadi Galego e Margarida Mariño, contou coa participación do presidente provincial, Luis López, así como das tres gañadoras destes galardóns e da presidenta de CIMA, Guadalupe Balaguer, e a asistencia das dezasete nomeadas. “Aquí hai un só protagonismo, o das mulleres no cinema; un só foco, o voso; e unha soa causa, a da visibilidade feminina na pantalla. Os demais somos puro atrezzo. Espectadores afortunados dos vosos logros e conquistas”, afirmou Luis López para remarcar a necesidade e o propósito deste certame cun discurso que serviu para baixar o pano dunha gala na que tamén estivo presente o conselleiro de Cultura, Jose López, así como outros representantes do sector cultural e institucional de Galicia.
Despois de cinco edicións destes galardóns, fixo o presidente un chamamento á reflexión. “Hai máis mulleres no foco que antes? Coido que todas estariamos de acordo en que si, en gran medida grazas a iniciativas como esta da Deputación en alianza con CIMA. Celebrémolo, porque non é para menos. Logo, claro, veñen os matices. É un si insuficiente, un si fráxil, un si que nace de esforzos e sacrificios das que viñeron detrás e un si que ningún actor ten que celebrar porque naceu con el”, enmarcou López antes de apuntar que aínda hai moito camiño que percorrer para que as mulleres profesionais do audiovisual teñan a mesma visibilidade que os homes. “Basta con facer unha procura nun dos portais máis populares de Internet e comprobar que nas mellores películas da historia segundo os usuarios nin unha soa muller é protagonista principal”, formulou o dirixente. Para “corrixir esta invisibilidade”, cómpre “seguir abrindo o foco para que no plano entren todas esas historias en feminino que se quedaron nas marxes, ou que nin sequera formaron parte nunca dun guion; que o foco se pouse sobre as mulleres actrices e que no primeiro plano se sitúe o seu talento. En definitiva, que o cristal da cámara nunca sexa un teito, senón unha fiestra a través da cal ver a realidade do cinema feminino e en feminino”, reivindicou López.
Unha causa, a do recoñecemento e visibilidade da muller no sector audiovisual, á que contribúen especialmente as tres profesionais recoñecidas nesta quinta edición dos premios Mulleres no Foco. Beatriz Legerén, pioneira no ámbito dos videoxogos e contidos interactivos en Galicia, comprometida coa igualdade e a diversidade no sector e que compaxina o seu labor profesional coa docencia na Universidade de Vigo. Lucía Veiga, actriz, monologuista e presentadora de ampla traxectoria no cinema que suma nominacións de prestixio como a dos premios Goya; é presidenta da Academia Galega do Audiovisual. E Silvia Fuentes, unha produtora nova, versátil, con visión de futuro e comprometida cun xeito de facer cinema que pon o foco nos coidados, a diversidade e o traballo colaborativo.
“O ano pasado dixen que todas as mulleres do sector, as nominadas e premiadas, erades guionistas da igualdade e directoras do feminismo no audiovisual. Reafírmome no dito. Seguramente é unha responsabilidade que non buscastes e mesmo desexades que as que veñen detrás non a teñan, porque iso significará que a igualdade real é un feito. Cando cheguemos aí, teremos triunfado todos. Repito, todos”, sostén o presidente provincial, quen apela a unidade para seguir dando pasos a prol da igualdade. “Hai posicións políticas desenfocadas que teiman en negar o que é evidente. Como existen tamén perspectivas demasiado micro que acaban expulsando a maior parte do espectro. Sempre que teñamos claro o argumento, que neste caso é a visibilidade das mulleres no audiovisual, podemos avanzar desde a suma, a unidade e a complicidade”, defende López.
A cerimonia de entrega destes quintos premios Mulleres no Foco, que repartiu tres premios dotados con 5.000 euros cada un, comezou arredor das 20 horas deste venres 17 de outubro coa recepción dos asistentes no hall da sede Afundación. Xa no interior do auditorio, deu comezo unha gala que estivo conducida pola actriz, recoñecida cun dos galardóns, Lucía Veiga. Unha cerimonia que contou coa colaboración da presidenta de CIMA, Guadalupe Balaguer; do conselleiro de Cultura, Jose López Campos; e do propio presidente provincial, Luis López, para entregar os premios. Guadi Galego e Margarida Mariño abriron e pecharon coa súa música unha gala que concluíu cunha foto de familia.