O presidente da Deputación de Pontevedra Luis López, recoñeceu este venres durante a celebración do tradicional acto de homenaxe que organiza o organismo provincial cada ano a traxectoria, o esforzo e a dedicación dos dezasete traballadores da Deputación que se xubilan este ano. “Este é un día para celebrar, festexar e estreitar os lazos que nos unen, rendendo homenaxe a 17 persoas que dedicaron boa parte da súa vida ao servizo público, a construír desde a Deputación unha provincia máis unida, próxima e xusta”, declarou o mandatario provincial.
O presidente nomeou os traballadores que pechan neste 2025 a súa etapa como traballadores da institución —María Eugenia Valenzuela Senn, José Manuel García Ogando, Fernando Vilar García, Francisca Fernanda Uz Teijeiro, Obdulia Suárez Paz, María Isabel Bastón Rial, Manuel Ángel Lores Buezas, Jose Ramón Rodríguez Alonso, Miguel Gómez Márquez, Jesús Gabriel Martínez Vidal, Dionisio Calvarro Sánchez, Celso García Alonso, María Placeres Rodríguez Rey, José Luis Castro Carpintero, Rafael Castro Fontenla, Bernardo Sartier Boubeta e Juan José Beloso Mariño—, e fixo un especial recordo a José Manuel Pérez Matos e José Ramón Paz Cacabelos, falecidos este ano. “A casa de todos os pontevedreses foi, é e será por sempre a vosa casa, contribuístes a mellorar a atención á veciñanza e os seus servizos, e agora comeza unha nova etapa de merecido descanso para desfrutar do tempo libre coa familia e cos amigos”, concluíu o dirixente.



