O presidente provincial, acompañado polo deputado Marcos Guisasola, participa na inauguración da Aula do Mar, un espazo na lonxa de Arcade para realizar charlas, exposicións ou talleres sobre o oficio mariñeiro ou os desafíos que afronta o sector
A Deputación colabora coas confrarías de pescadores da provincia a través dunha liña de axudas dotada con 350.000 euros, unha cifra sen precedentes que ten como obxectivo modernizar a actividade pesqueira e colaborar cos gastos correntes do sector
“O mar é un sector vital para a economía, emprego, saúde e medio ambiente”, di López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñece o traballo pola sustentabilidade e a divulgación da riqueza do medio mariño que está a realizar o sector pesqueiro das Rías Baixas con proxectos como a creación da aula do mar da Confraría de Pescadores de Arcade que ven de inaugurarse este venres na sede que ten a Federación Provincial de Confrarías nesta localidade do Concello de Soutomaior. Acompañado polo deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola, o mandatario provincial reafirmou o compromiso da Deputación cun sector fundamental tanto para a economía e o emprego, como para a conservación e protección do medio ambiente. Cuestións polas que conta co apoio da Deputación a través dun programa de axudas sen precedentes, dotado con 350.000€, para as Confrarías de Pescadores da provincia.
“O mar é un sector vital para a nosa economía, emprego, saúde e medio ambiente. Cando tomamos posesión do goberno hai 28 meses, tivemos claro que das primeiras reunións que tiñamos que facer era co sector do mar. Ao pouco de entrar no goberno mantivemos un encontro coa Federación de Confrarías para escoitar, para entender e logo atender”, contextualizou López antes de repasar os avances incorporados ao programa do organismo provincial de axudas para confrarías de pescadores saídos dese proceso: “A posibilidade de non destinar tantos recursos para investimento, senón para gasto corrente porque non ten sentido facer investimentos senón tes para pagar o día a día; e no ano 2025 incrementamos as axudas nun 40 %, ata os 350.000€. Son pequenos grandes pasos da man dun sector vital do que estamos tremendamente orgullosos”, declarou o mandatario provincial nun acto no que tamén participou a conselleira do Mar, Marta Villaverde.
A xa inaugurada Aula do Mar da Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade é un proxecto financiado con fondos europeos a través do GALP (Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro) da Ría de Vigo e a Guarda e que ten como obxectivo a formación dos traballadores do mar e da sociedade civil en cuestións como a xestión dos recursos mariños, a contaminación ou o cambio climático. Unha actividade que se desenvolverá nunha sala da lonxa de Arcade que se equipou con mobiliario e medios informáticos a través dunha actuación valorada en máis de 6.000 euros. Neste sentido, sumou López a vontade de cooperación da Deputación neste proxecto. “Aquí encaixa á perfección o noso traballo cos colexios para inculcar valores relacionados co coidado do medio ambiente, a saúde, a alimentación ou coa sustentabilidade”, propuxo o dirixente.
A cooperación entre distintas entidades para sacar adiante esta Aula do Mar foi outro das cuestións que destacou o presidente provincial. “Agradecemos o traballo de todas as partes que foron fundamentais para a posta en marcha deste proxecto. Á Confraría por ter a iniciativa para captar fondos e poñer en marcha proxectos deste calado; ao Galp porque xoga un papel clave para canalizar fondos e desenvolver proxectos; e á Xunta, que para a Deputación é un aliado clave e a nivel de provincia é un luxo o compromiso que ten con accións que redundan no beneficio de todos”, concluíu o presidente Luis López.