O presidente provincial remarca na celebración do aniversario deste colectivo do Deza o compromiso da Deputación para manter a colaboración con entidades que prestan un labor “vital” de atención a persoas con discapacidade e as súas familias
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñece o excelente labor de apoio e atención que a asociación Aspadeza leva ofrecendo durante os seus 25 anos de actividade ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias. Acompañado polo alcalde de Lalín, José Crespo e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o mandatario provincial deu os parabéns a todos os membros dun colectivo “vital para Lalín, para a comarca e para a provincia” por un cuarto de século de traballo para mellorar a calidade de vida da veciñanza nun acto no que foi nomeado socio de honra a título póstumo, Javier Brandido; e se rendiu homenaxe ás familias que fundaron Aspadeza.
A Asociación Aspadeza é unha entidade sen ánimo de lucro formada por pais e nais de persoas con discapacidade intelectual da comarca do Deza. Foi creada no ano 2000 por un pequeno grupo de familias e declarada de utilidade pública por parte do Ministerio do Interior en 2005. O obxectivo fundamental da entidade é mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual a través da inclusión social e laboral. Ademais de promover a integración social e laboral, tamén pretende mellorar a súa autonomía, formalas para unha vida máis independente e mellorar a calidade de vida das dúas familias. Contan cun centro ocupacional, un centro de día e unha vivenda na que prestan servizo a preto dunha trintena de usuarios.
“Como di o noso lema, ‘tendemos pontes’, Aspadeza é unha ponte en si mesma. Nun carril, ofrece esa axuda próxima e necesaria ás familias ás que moitas veces á Administración lle resulta complicado chegar. E, no outro, conta coa colaboración e recoñecemento de institucións de institucións coma a Deputación. Unha ponte de dous carrís que teñen unha meta común: mellorar a calidade de vida da veciñanza, das familias e das persoas con discapacidade intelectual”, sinalou o presidente provincial.
Un compromiso que, segundo remarcou López, é compartido pola Deputación que, ao longo destes dous anos de goberno, puxo en marcha diferentes plans en materia de benestar social que mobilizaron máis de 11 millóns de euros. Accións como o cofinanciamento dos servizos sociais nos concellos ou as axudas básicas á veciñanza (7,4M€), a colaboración directa cos colectivos de benestar social (2M€) ou a posta en marcha de programas de iniciativa social como o +Convivencia, +Benestar, Provincia +Inclusiva, Lecer en Familia ou Provincia Activa.
“Agradecemos a todo o equipo de profesionais de Aspadeza o labor diario que desempeñan e o cariño co que tratan aos usuarios e as súas familias, reafirmamos o compromiso da Deputación con entidades como Aspadeza, non é unha obriga, é un exercicio de responsabilidade e un sinal de recoñecemento; e desexamos, polo menos, outros 25 anos máis de excelencia na atención ás persoas con discapacidade e as súas familias”, concluíu o presidente provincial.



