HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López recoñece o talento dos 39 mozos e mozas gañadores dos...

Luis López recoñece o talento dos 39 mozos e mozas gañadores dos IX Premios Provinciais da Xuventude, que con 111 candidaturas volve bater o récord de participación

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial, acompañado polo deputado Jorge Cubela, presenta a provincia como  a mellor plataforma para impulsar a creatividade, compromiso e sensibilidade dunha xuventude que neste mandato recibiu un apoio da Deputación valorado en 4M€

A Deputación premia a achega de mozos, mozas e colectivos de 17 concellos de distintas comarcas da provincia repartidos en doce categorías do eido das artes, a investigación e a sociedade

“Apoiar a mocidade e todo o que ela trae consigo —vangarda, creatividade, enerxía, ilusión e progreso— é unha aposta segura, como tamén o é que unha casa acuda o voso encontro alá onde esteades en cada momento”, afirma López

A Deputación de Pontevedra vén de entregar este xoves os galardóns que recoñecen o talento da mocidade da provincia nunha ducia de disciplinas dos ámbitos das artes, a investigación e a sociedade na celebración da novena gala dos Premios Provinciais á Xuventude que tivo lugar no Salón de Plenos do Pazo Provincial. Un acto no que o presidente provincial, Luis López, presentou á provincia como a mellor plataforma posible para impulsar o talento da mocidade. “Nesta era na que aparecen plataformas tan diversas con contido de todo tipo, eu quero poñer en valor a mellor posible: a plataforma Rías Baixas. Nin Tiktok, nin Twitch, nin Spotify nin nada que se asemelle: plataforma provincia de Pontevedra”, afirmou o dirixente para felicitar aos 39 premiados dunha gala que volveu superar todos os seus rexistros ao contar con 111 candidaturas en 12 categorías que repartiron preto de 31.000€ entre os todos os galardoados.

A gala, na que tamén participou o deputado de Xuventude, Jorge Cubela, estivo conducida pola xornalista Bibiana Villaverde e contou coa actuación musical de André Touza, gañador o ano pasado do premio a mellor traballo musical co seu grupo Barallocas. “Apoiar a mocidade e todo o que ela trae consigo —vangarda, creatividade, enerxía, ilusión e progreso— é unha aposta segura, como tamén o é que unha casa como esta se sinta permanentemente obrigada a conectar con vós, e a acudir ao voso encontro, alá onde esteades en cada momento. Con case 190 anos de historia, non se pode dicir que a Deputación sexa unha institución adolescente, pero tampouco tan inmadura como para darlle as costas ao futuro da provincia”, declarou o presidente diante dunha ampla representación da mocidade de toda a provincia.

A novena edición dos Premios Provinciais á Xuventude marcan un novo récord de concorrencia ao recibir un total de 111 candidaturas (once máis que no 2024), das que foron premiadas un total de 39 en 12 categorías, unha delas de nova creación: a iniciativa xuvenil dos concellos, pola que foron recoñecidos os de Gondomar e Ponteareas. “A través das vosas propostas descubrimos as vosas preocupacións, as vosas demandas, as vosas necesidades. Así que, aínda que non saiades de aquí cun premio nas mans, quero que saibades que escoitarémolas todas, atenderémolas todas, porque sabemos que o futuro desta provincia pasa por vós”, dixo o deputado de Xuventude, Jorge Cubela, para darlle a benvida a todos os asistentes á gala.

Os gañadores do primeiro premio en cada unha das categorías foron: os integrantes da Agrupación Musical do Rosal na categoría de iniciativa de interese xuvenil, o IES de Chapela na categoría de Educación en Valores; FOCO, a Asociación para a Formación e Cooperación en Europa da Guarda, en iniciativa empresarial; o vigués Denis Carballas na categoría de Banda Deseñada, as guardesas Rosalía Quiroga e Eire García, en Contido Audiovisual; a pontevedresa Luiselena Tilve, en Deseño e Moda; Laura Paz, da Illa de Arousa, en fotografía orixinal; Xoán Moreiras, de Mondariz, en Serie Fotográfica; a pontevedresa Andrea Dávila, en Investigación en Artes; o vigués Salvador Román, en Investigación en Ciencias; o pontevedrés Fabio Rivas en Narrativa e tamén Poesía; e en Traballo Musical, Sara Mínguez. Uns recoñecementos que dan boa mostra de que o talento e compromiso da mocidade está repartido por toda a provincia, pois os premiados proceden de 17 concellos de distintas comarcas da provincia.

Despois de entregar os premios, tarefa na que participaron deputados do goberno provincial e representantes de institucións que traballan a prol da xuventude da provincia; o presidente Luis López remarcou o compromiso da Deputación no apoio á mocidade da provincia, tanto na súa formación, como nos seus intereses e preocupacións a través dun servizo específico de Xuventude creado a comezos de mandato polo goberno provincial. “Desde o ano 2023 e contando co orzamento xa aprobado para o vindeiro 2026, será un total de 4millóns de euros os que destinamos a distintos programas de apoio á Xuventude. Para o futuro e tamén presente da nosa provincia aprobamos o primeiro Plan Estratéxico de Xuventude, no que se inclúen medidas como obradoiros de saúde mental, entre outros. E temos en marcha programas novidosos para apoiar iniciativas emprendedoras, como o +Xuventude; ou equipar locais de asociacións xuvenís, como O Teu Espazo Xuvenil”, enumerou o mandatario provincial.

“Sobran exemplos este ano para sentirse orgullosos da mocidade da provincia”, concluíu Luis López para amosar o agradecemento, recoñecemento e compromiso para seguir visibilizando o talento da xuventude por parte da Deputación.

Listado de premiados

Iniciativa Xuvenil

  • 1º premio: Asociación Agrupación Musical do Rosal, por “AMDOR Fest”
  • 2º premio ex aequo: Asociación Estudantil Uvigo SpaceLab, por “Misión Cortis”

Banda Deseñada

  • 3º premio: Lucía Rodríguez Diz (O Grove), por “O que quero ser”
  • 2º premio: Manuel Alejandro Vázquez Búa (Vilagarcía de Arousa), por “Non me esquezas”
  • 2º premio: Andrés Chinchilla Argibay (Vigo), por El Viaje de Séneca”
  • 1º premio: Denis Carballas Riveiro (Vigo), por “Secundario”

Contido Audiovisual

  • 3º premio: Elena Figueiro Días e Vanessa Parente González (Catoira), por “Fóra de Campo”
  • 2º premio: Elena Talegón Rodríguez (Vigo), por “Morriña”
  • 1º premio: Rosalía Quiroga Trasorras e Eire García Cid (A Guarda), por “@amqaeoc”

Deseño e Moda

  • 2º premio: Miguel González Flores (A Guarda), por “Expositor de gafas para Pementa Eyewear”
  • 1º premio: Luiselena Tilve hernández (Pontevedra) por “Map of Me. Persona”

Educación en valores

  • 1º premio: IES de Chapela (Redondela) por Obradoiro de teatro inclusivo “Xanela”

Iniciativa empresarial

  • 3º premio: Alberto Lázara Vieitez (Silleda), por “Saúde Rural en Movemento”
  • 2º premio: Miguel Aitor Jamardo Chenlo (Caldas de Reis), por “Cultivo galego”
  • 1º premio: FOCO (A Guarda), por ” Asociación para a formación e cooperación en Europa”

Educación xuvenil en concellos

  • 1º premio: Gondomar
  • 1º premio: Ponteareas

Investigación:

Ciencias:

  • 3º premio: Eva Diz Ferreira (Vigo), por “ERAS”
  • 2º premio: Juan josé López Escobar (Vigo), por “Design of a new distributed mist, edge and fog architecture in beyond 5G environments for the Internet of things”
  • 1º premio: Salvador Román del Valle (Vigo), por “Dinámica de poboacións e interaccións entre Zostera Noitei e as ameixas de maior importancia comercial que habitan os bancos de Galicia afectados polo estrés climático”

Artes:

  • 3º premio: Rodrigo Cumbraos López (Pontevedra). ”Cuánto estás dispuesto a arriesgar”.
  • 2º premio: Carlos Fernández López (Pontevedra), por “Pregar a pintura”
  • 1º premio: Andrea Dávila Rubio (Pontevedra), por “Evolución da escultura contemporánea en España: corpo, afecto e materialidade”

Traballo musical:

Música clásica:

  • 3º premio: Guillermo Otero Costas (Marín), por “O trazo invisible”

Outros xéneros

  • 3º premio: Jorge Pérez González (Pontevedra), por “Chaos in the order”
  • 2º premio: Javier lago López (Pontevedra), por “Dame un descanso”
  • 1º premio: Sara Mínguez López (Vigo), por “Non crecín con medo”

Traballo literario breve

Narrativa:

  • 3º premio: Tensi Gesteira Estévez (Bueu), por “Vou cociñar vieiras para min”
  • 2º premio: Miguel González Flores (A Guarda), por “Un sismógrafo”
  • 1º premio: Fabio Rivas Pardo (Pontevedra), por Instrución para a paternidade”

Poesía:

  • 3º premio: Susana Villaverde García (Redondela), por “httpenelope”
  • 2º premio: Alexandra Fernández Peón (Pontevedra), por “Ciclo da vila mariñeira”
  • 1º premio: Fabio Rivas Pardo (Pontevedra), por “Para as medras”

Fotografía orixinal:

Serie fotográfica:

  • 3º premio: Ana Gómez Ferreira (Poio), por “Non hai planeta de recambio”
  • 2º premio: Claudio Gómez López (Pontevedra), por “De barrio”
  • 1º premio: Xoán moreira Maceira (Mondariz), por “Un mundo a 35 centímetros”

Fotografía:

  • 3º premio: Nerea Fariña Sánchez (Marín), por “Otrazo invisible”
  • 2º premio: Marcos Pazos Pazo (Tui), por “Outra mascarada”
  • 1º premio: Laura Paz Iglesias (A Illa de Arousa), por “A alma de Gaia”

Publicacións Relacionadas