O presidente da Deputación, acompañado polo deputado Jorge Cubela, recoñece o labor do colectivo Quinta do Piñeiro para organizar unha festa que “exalta as nosas raíces” ao tempo que exhibe “o atractivo e o potencial do interior da provincia”
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinalou a Festa da Sementeira e da Música como a demostración do paraíso, cargado de atractivos culturais e naturais, que agocha o interior da provincia. O mandatario provincial, acompañado do deputado de Cultura Jorge Cubela, participou este domingo en Salvaterra nos actos de celebración da décimo sétima edición deste festival que conta co apoio da Deputación e que forma parte da estratexia de Turismo Rías Baixas, que pasa pola posta en valor dos atractivos de cada un dos concellos para a construción dun destino turístico sustentable, ligado ao territorio e á cultura, desestacionalizado e descentralizado.
“A festa da Sementeira é moito máis ca unha exaltación das nosas raíces, das que tan orgullosos estamos. É unha celebración que enriquece un destino turístico coma as Rías Baixas, sustentable e ligado ao territorio e á cultura; un lugar que demostra o enorme atractivo e o potencial do interior da provincia, e unha mostra do acerto desta aposta turística por un destino coma as Rías Baixas, que abranguen desde a praia ata os montes do interior, para desfrutar de cada recuncho en calquera época do ano”, afirmou o presidente Luis López na inauguración desta festa que organiza a Asociación Quinta do Piñeiro e o Concello de Salvaterra de Miño.
A edición deste ano, que tivo ao actos Luis Zahera como invitado para pronunciar o pregón, contou con numerosas actuacións musicais, obradoiros de artesanía centrados nos oficios do campo, e unha exposición de tractores clásicos, entre outras moitas outras propostas lúdicas e culturais. Trátase dun festival que cada ano recibe o apoio da Deputación a través de distintas liñas de colaboración postas en marcha polo servizo de Cultura, que dirixe o deputado Jorge Cubela.
“A provincia de Pontevedra agocha no seu interior infinidade de tesouros que están agardando a ser descubertos. Salvaterra de Miño e a súa Festa da Sementeira é un destes tesouros”, concluíu o dirixente, quen puxo en valor o labor dos organizadores e reiterou o compromiso da Deputación cun evento que se supera cada ano. “O ano pasado tiven o privilexio de participar nesta celebración e como ocorre con todas as persoas que nos visitan e que descobren o paraíso interior das Rías Baixas, decidín volver este ano”, rematou o presidente Luis López.