“Imos seguir apostando por un deporte que une e non divide. Imos seguir sendo a provincia do deporte porque é o que queren os pontevedreses, sen pedir permiso a ninguén”, defendeu López
O presidente provincial, quen puxo por diante a súa solidariedade e empatía co que acontece en Gaza, expresou o respecto ás mobilizacións pero afirma que feitos como a tala de árbores para cortar a carreira “non son manifestacións”
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, rexeita o boicot que provocou o remate prematuro da etapa de La Vuelta celebrada o pasado martes entre Poio e Mos. O mandatario provincial referiuse ás diversas protestas en favor do pobo palestino que se produciron ao longo do percorrido para recoñecer e apoiar o dereito da cidadanía a manifestarse, mais condenou o boicot dalgúns individuos que puxeron en perigo a seguridade da proba e impediron a correcta celebración do evento. “Si ao dereito a manifestación, non ao boicot. Si á liberdade de expresión, non a arriscar a seguridade dos ciclistas”, defendeu López nunha comparecencia de prensa.
O máximo responsable do goberno provincial quixo deixar clara a súa postura contraria ao horror que está a sufrir a poboación palestina en Gaza. “Eu tamén quero a paz en Gaza, tamén quero que cesen as escenas de horror e masacre que estamos vivir a diario que teñen como vítimas inocentes a moitos civís e nenas e nenos, tamén amoso a miña solidariedade e toda a miña empatía coas vítimas e desexo que a comunidade internacional medie no conflito e tamén quero que remate un conflito arrastrado durante décadas coa convivencia entre palestinos e israelís. É obvio”, subliñou o presidente da Deputación.
Con todo, o dirixente provincial tamén quixo amosar o seu rexeitamento aos actos que puxeron en perigo a seguridade de espectadores e deportistas e remataron co fin prematuro da etapa. Fixo referencia Luis López á talla dunha árbore sobre a estrada para cortar o percorrido, á entrada sen permiso no Castelo de Soutomaior ou á desobediencia ás forzas e corpos de seguridade. “Iso non son manifestacións”, aseverou o presidente, quen tamén quixo amosar publicamente o apoio aos efectivos de seguridade e reclamar ao subdelegado do goberno na provincia, Abel Losada, explicacións sobre o dispositivo de seguridade.
Neste sentido, lamentou a actitude do Bloque Nacionalista Galego. López cuestionou eventos deportivos que que contaron co apoio do grupo nacionalista en Galicia como a celebración dunha etapa do Gran Camiño na provincia de Lugo, coa vicepresidencia da Deputación e as competencias de deportes en mans do Bloque, na que tamén participou o equipo israelí. Tamén se referiu López a outras competicións celebradas na provincia e na cidade de Pontevedra, co apoio do BNG, como os mundiais de vela, loita ou tríatlon no que tamén houbo participantes deste país. “Non había nada en Gaza polo que mobilizarse daquela? naquel momento non compensaba abandonar o papel de alcalde de todos os pontevedreses para exercer de activista?, onde estaban os alcaldes nacionalistas de Soutomaior ou o exalcalde de Poio cando o seu compañeiro de filas organizaba unha competición deportiva con israelitas?”, pregunta o presidente, en referencia ao alcalde de Pontevedra.
Tamén amosa Luis López a súa preocupación polo precedente que senta o acontecido o pasado martes. “Quen decide as competicións hai que permitir e cales hai que boicotear?, Significa isto que alí onde o goberne o BNG xa non haberá competicións deportivas de alcance mundial con deportistas israelitas?, Significa que o Concello de Pontevedra renuncia xa a celebrar o Tríatlon do 2026 e todas as probas que se podan celebrar no futuro?”, formula López remarcando que “esta Deputación non vai formar parte diso”.
La Vuelta volverá á provincia
O presidente da Deputación de Pontevedra deixa claro que a administración provincial “vai seguir respectando a lei e o mesmo Estado de Dereito que ampara o dereito de manifestación do dereito a celebrar unha competición deportiva”. Así mesmo, López lanza unha mensaxe de estabilidade, respecto ao visitante e continuidade da aposta provincial pola extraordinaria organización de eventos deportivos de ámbito internacional.
“O boicot non é a imaxe que Rías Baixas quere transmitir ao mundo. Somos un territorio pacífico, cordial e aberto a cidadáns de todas as partes. Imos seguir sendo unha provincia comprometida cos valores da paz, como por outra parte estamos a demostrar coa Bienal, que xuntou unha artista palestina e outro israelí; imos seguir apostando por un deporte que une e non divide, imos seguir traballando para que La Vuelta regrese ás Rías Baixas e imos seguir sendo a provincia do deporte”, concluíu o presidente da Deputación.



