HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López salienta que o modelo de “escoitar, entender e atender” impulsou...

Luis López salienta que o modelo de “escoitar, entender e atender” impulsou máis dun milleiro de obras por valor de 235M€ nos dous primeiros anos de mandato

- Anuncio -spot_img

O presidente da Deputación, acompañado por todo o seu goberno, fai balance dos logros da primeira metade do seu proxecto nun acto celebrado por primeira vez en Vigo coa asistencia de representantes de todos os concellos e de colectivos de toda a provincia

O mandatario provincial sinalou seis grandes eixos que marcan a acción da Deputación: Investimentos nos concellos, recuperación do apoio ao movemento veciñal, aposta polo deporte, o turismo e a cultura; e descentralización da actividade do goberno

Luis Sánchez destaca unha pegada de 40M€ da Deputación en Vigo: “Nunca unha administración provincial tivo tan presente a Vigo porque a Deputación está en cada un dos grandes proxectos que transforman esta cidade”

“Un dos grandes logros non está tanto nunha cifra ou nunha obra en concreto, como nun novo e necesario xeito de gobernar. Unha marca que o abrangue todo e na que caben todos”, sostén o presidente Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta que o modelo implantado polo goberno provincial de “escoitar, entender e atender” impulsou máis dun milleiro de obras por 235 millóns de euros. Un proxecto de provincia centrado en tender pontes cos concellos, os colectivos e todas as administracións para mellorar a calidade de vida da veciñanza e impulsar mellores servizos e infraestruturas que celebrou este martes en Vigo o acto institucional de dous anos de goberno no que participaron todos os membros do executivo da Deputación e ao que asistiron representantes de todos os ámbitos da provincia para constatar os avances dun goberno que cruza o ecuador do seu mandato. “Un dos grandes logros non está tanto nunha cifra ou nunha obra en concreto, como nun novo e necesario xeito de gobernar. Unha marca que o abrangue todo e na que caben todos: vivan onde vivan, pensen o que pensen, voten a que voten. Falo de escoitar, entender e atender”, resumiu o presidente Luis López o principal sinal de identidade nestes dous anos de goberno e para os vindeiros.

“Escoitamos á provincia, e froito de ter o cinco sentidos postos no territorio, extraemos media ducia de conclusións que son as bandeiras do noso goberno”, comezou Luis López, quen contextualizou a presenza da Deputación na provincia cunha cifra: 4.530 actos de goberno realizados nestes dous anos, un 83 % máis co anterior goberno a estas alturas de mandato. “Entendemos que o futuro desta provincia extraordinaria pasa por impulsar 61 apostas de investimento en 61 concellos, entendemos que o movemento veciñal é un motor que debía ser recuperado,  entendemos que esta é a provincia do deporte, que as Rías Baixas son mar e son interior, que a Deputación actúa ante o reto demográfico cando descentraliza a súa actividade e, finalmente, entendemos que a cultura é o selo de identidade do noso territorio”, enumerou Luis López antes de debullar polo miúdo os logros dos seus dous primeiros anos como presidente da Deputación.

Investimentos nos concellos

“A nosa prioridade número un: os concellos”, comezou o mandatario provincial o balance. Ao longo destes dous anos, a Deputación mobilozou 235 millóns de euros que se traducen en 600 actuacións a través dos 96.4M€ do Plan +Provincia, 59 grandes investimentos cos 38M€ do Plan Extra e 180 modernizacións de equipamentos deportivos a través dos dous Plan Extradordinarios de Infraestruturas Deportivas, dotados con 12M€; 40 actuacións ao abeiro do PON2030, de 28,1M€; e 17M€ para mellorar a rede viaria a través de convenios con 19 concellos e coa posta en marcha de 43 obras en 30 municipios impulsadas polo servizo de Infraestruturas. “Imaxinemos cómo sería transformación da provincia se a este impulso investidor da Deputación lle sumamos o superávit dos concellos, actualmente bloqueado polo Ministerio de Facenda”, reivindicou López.

Compromiso con Vigo

A aposta polos concellos están inclúe tamén as dúas grandes cidades da provincia: Vigo e Pontevedra. Nestes dous anos recibiron máis de 21M€ a través dos convenios bilaterais asinados cos concellos. Neste punto centrou a súa intervención a vicepresidenta Luisa Sánchez, quen salientou que “nunca unha administración provincial tivo tan presente a Vigo porque a Deputación está en cada un dos grandes proxectos que transforman esta cidade”. Despois de subliñar os 13M€ investidos na Grada de Gol de Balaídos, a cooperación coa Xunta para recuperar o Cine Fraga, o rescate de 6,2M€ que se ían perder correspondentes ao mandato anterior para executar diversas obras de mobilidade na cidade, a dotación de 5M€ cada ano a través de convenios bilaterais, o apoio a 180 entidades deportivas con 2M€ en axudas, a colaboración cunha vintena de asociacións veciñais, a subvención de máis dun milleiro de actos culturais ou a inclusión do Underfest Xacobeo na marca de festivais de música Rías Baixas Feste; a vicepresidenta sostén que “Queremos que os case 40 millóns de euros de investimento comprometido en Vigo nestes dous anos sigan aumentando.Porque máis Vigo é máis provincia”.

Movemento Veciñal

“O movemento veciñal é un motor de benestar, de equilibrio territorial e de cohesión social. Ese motor do movemento veciñal pasou en dous anos de 0 a 800, de cero colectivos atendidos cando chegamos ao goberno a  800, que son os beneficiados polos nosos plans de Acción Comunitaria”, continuou o presidente o seu discurso para poñer en valor os 8,2M€ dos programas Provincia Comunitaria,+Aqua e NOvaqua así como outras accións para dinamizar a vida social en todos os concellos.

Deporte

“Vivimos na provincia do deporte; e a nosa misión tamén está definida: queremos que todo o mundo o saiba. Nestes dous anos aplicamos unha estratexia transversal que alcanza tanto aos equipamentos como aposta polo talento dos deportistas, da base á elite”, sinalou antes de deterse en cifras como os 36M€ para 215 actuacións en infraestruturas deportivas, o apoio a 720 deportistas da provincia que viron como as axudas incrementáronse nun 50%, a celebración de grandes eventos en distintos puntos da provincia, como o paso de La Vuelta por segundo ano consecutivo, as series mundiais de tríatlon ou a aposta para que Vigo sexa sede do Mundial 2030; así como medidas novidosas coma as axudas para o turismo deportivo ou o programa DepoVan.

Turismo

“Non é posible abordar a marca do noso territorio sen mencionar o turismo, que vai camiño de atraer 2 millóns de persoas ao noso territorio”, recalcou o dirixente para poñer o foco na promoción por primeira vez do interior da provincia a través da premiada campaña “Cando Volves?”. Escoitar ao sector para deseñar a nova estratexia de turismo Rías Baixas 61, o excelente trato ao visitante nacional e o crecemento do turismo internacional, a posta en valor da tranquilidade como selo dun destino familiar, sustentable, desestacionalizado e descentralizado; a potenciación de produtos propios como o enoturismo ou o Camiño de Santiago.

Descentralización

Para afrontar o reto demográfico, o goberno provincial aposta tanto por políticoas de apoio á xuventude, con 2,5 millóns de euros investidos nun departamento especificamente creado para este fin; como por organizar eventos sociais, culturais e deportivos lonxe das áreas urbanas, como os Mestre Mateo en Lalín, os mundiais de Enduro no Deza ou a Gala de Turismo en Moraña. “Axudamos a afrontar este reto cando trasladamos a nosa actividade fóra dos eidos urbanos”, dixo López.

Cultura

O último deses seis eixos é a cultura, que conta con dúas puntas de lanza. “A primeira, a recuperación da Bienal de Arte Contemporánea”, que regresa logo de 15 anos a Pontevedra e conta con sedes en Vigo, Ponteareas, O Grove, Sanxenxo e en Pontevedra; e a segunda “o Teatro Cine Fraga, a gran xoia cultural de Vigo que reabrirá as súas portas como un equipamento cultural de referencia no Noroeste de España”, resumiu López citando tamén programas reforzados como o Culturea, +Música, Pontevedra Literaria ou os festivais de cinema, música e artes escénicas que espallan a cultura por toda a provincia.

Fitos singulares

Ademais destes seis grandes eixos, nestes dous anos a Deputación conseguir logros relevantes como os avances para conseguir unha vía verde entre Vigo e Vilagarcía, que está a liderar o goberno de Luis lópez, a recadación do IBI da AP-9 para os concellos, o primeiro convenio colectivo do Consorcio Provincial de Emerxencias ou as primeiras axudas para as agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre moitas outras.

Tamén tivo tempo Luis López no seu discurso para a autocrítica ao asumir que “quen fai, equivócase, e xa o avanzo: non imos deixar de facer. Nin de estar nin de contar”. Un balance de dous anos de goberno que o presidente da Deputación quixo pechar cunha mensaxe de agradecemento. “Grazas ao mellor equipo de goberno que podería ter: os deputados que estiveron, están e estarán; grazas aos empregados públicos da Deputación: detrás de cada cifra, de cada plano e de cada expediente está a súa profesionalidade exquisita; grazas aos alcaldes e ás alcaldesas pola súa colaboración e por reafirmarme, despois de tantas conversas e reunións, que “tendemos pontes” é algo máis que un lema; grazas a todos os colectivos cos que temos a honra de cooperar, porque cada día aprendo deles; e grazas a todos os pontevedreses desta provincia por confiar na súa Deputación. Escoitar, entender e atender só ten un obxectivo: estar á súa altura”, concluíu Luis López.

Por primeira vez a Deputación escolle Vigo para facer balance

O edificio de O Tinglado do Porto de Vigo foi o escenario escollido pola Deputación para organizar o acto de balance de metade de mandato, nunca antes na historia do organismo provincial se celebrar un acto deste tipo na principal cidade de Galicia. Coa asistencia de alcaldes e concelleiros da maior parte dos 61 concellos da provincia, así como de representantes de colectivos de todos os ámbitos da vida social e todas as comarcas e representantes doutras institucións con presenza na provincia; o acto, conducido pola xornalista Guada Guerra, comezou coa benvida e balance da vicepresidenta Luisa Sánchez, quen puxo en valor a pegada que a Deputación está a deixar en Vigo nesta etapa cun investimento comprometido de máis de 40 millóns de euros. Resumidos en dúas pezas audiovisuais, os deputados e responsables de cada área de goberno resumiron os principais fitos de cada servizo nestes dous anos. Así mesmo, nunha tertulia, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao; o expresidente da Escudaría Rías Baixas, Fernando Mouriño; a fundadora de Ideas Peregrinas, a primeira franquicia do Camiño de Santiago, Silvana Crisóstomo; e o presidente de Coxapo, a asociación provincial de traídas de auga, Rafael Carrera; fixeron fincapé no municipalismo, o deporte, o turismo e o asociacionismo como grandes eixos da acción de goberno neste tempo.

Publicacións Relacionadas