Estes novos recursos beneficiarán a Gondomar, O Grove, Vilagarcía de Arousa, Tui, O Porriño, Cerdedo-Cotobade, Vilanova de Arousa, Meis, A Lama, A Cañiza, Moaña e Salceda de Caselas
O presidente provincial recordou que o Plan +Provincia destinou xa preto de 40 millóns de euros aos concellos de menos de 50.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar máis de 1,5 millóns de euros para que A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Gondomar, O Grove, A Lama, Meis, Moaña, O Porriño, Salceda de Caselas, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa impulsen novos investimentos a través da liña 1 do Plan +Provincia 2025. O presidente provincial, Luis López, asegurou que a Deputación segue “avanzando, unha semana máis, no reparto de fondos do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, que xa leva distribuídos este ano preto de 40 millóns de euros, dos 48,2 co que está dotado, entre os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes”.
Dos recursos aprobados en Xunta de Goberno, preto de 776.000 euros irán destinados a financiar integramente a humanización da rúa Bouza de Abaixo, en Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa. Ademais, os recursos da liña 1 desta semana irán tamén ao Concello de Tui, con 166.000 euros para renovar o parque infantil da Alameda; ao do Porriño, con 220.430,31 euros para financiar o saneamento en Budiño e Trapa e ao do Grove, con 110.116 euros para a adquisición directa da parcela nº31 da rúa Luis A. Mestre
Pola súa banda, Gondomar recibe 84.773 euros para a reordenación do tráfico e do espazo público na Avenida Conde de Gondomar; Salceda de Caselas 57.737 euros para a adaptación de accesos ao pavillón municipal; Vilanova de Arousa 48.329 euros para a mellora da rede de sumidoiros coa incorporación de equipos e estacións de bombeo; A Cañiza preto de 30.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética no edificio multiúsos; Moaña preto de 16.000 euros para o subministro de dúas marquesiñas; Cerdedo-Cotobade 10.500 euros para a subministración de escenario móbil, carpas e equipo de son para o Centro Sociocultural de Tenorio; A Lama 10.330 euros para a mellora de infraestruturas viarias interiores do Parque Empresarial do Racelo; Meis 5.660 euros para a posta en valor do petróglifo de Outeiro do Cribo.