O presidente provincial, acompañado polo deputado Alejandro Lorenzo, salientou o investimento de 140.000 euros entre a Xunta de Galicia e o goberno provincial, e adiantou novas melloras para contar na provincia cun corpo de bombeiros “ben formado e equipado”
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou a importancia de contar cun servizo de emerxencias ben formado e equipado no acto de entrega de tres novos vehículos de mando para os parques comarcais de bombeiros do Porriño, Bueu e Vilagarcía, pertencentes ao Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, cun investimento de 140.000 euros por parte da Xunta de Galicia e do goberno provincial.
“A semana pasada recibimos a cinco compañeiros que estiveron en Valencia, pero non quería referirme só a eles. Todos son protagonistas porque foron moitos os que se ofreceron voluntarios para ir a Valencia. O noso agradecemento vai para todos eles, volveron demostrar que son imprescindibles. Por iso é importante que estean ben formados e con medios para realizar as intervencións. Nese marco, poñemos a súa disposición estes tres vehículos”, subliñou o presidente Luis López, nun acto organizado no parque de bombeiros do Porriño e no que estivo acompañado polo alcalde e deputado de Emerxencias, Alejandro Lorenzo, e polo director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva.
Neste sentido, o titular do goberno da Deputación adiantou que nos vindeiras datas haberá máis novidades relacionadas coa modernización, mellora e adquisición de equipamentos para os parques comarcais de emerxencias. Estes tres vehículos que permitirán instalar postos de mando para coordinar os labores de xefatura nos operativos “son un pequeno avance do que está por vir, nas vindeiras semanas seguirá habendo novas noticias ao respecto”, anunciou o presidente Luis López, destacando a responsabilidade do deputado de Emerxencias nestes avances. “Encomendámoslle as Emerxencias e todo o que estaba por facer no tocante aos parques e aos bombeiros e parques. Quero agradecerte e felicitarche polo teu traballo. Os pasos que estamos dando xa se ven, como coa adquisición de vehículos, pero tamén quero que se vexa todo o traballo interno que se está a realizar e que se consuma con boas novas”, remarcou Luis López, quen agradeceu tamén o labor dos profesionais dos parques e da Xunta, representados neste acto polo director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva; e o xefe do parque do Baixo Miño-Louriña, Gustavo Vázquez.
Pola súa banda, o deputado Alejandro Lorenzo remarcou o compromiso da Deputación coa “mellora da atención das emerxencias, da seguridade e tamén as dotacións dos bombeiros”.“Agradecemos o traballo que facedes os 365 días do ano”, concluíu Luis López referíndose aos profesionais do Consorcio Provincial de Emerxencias.