HomePontevedraCaldasLuis López sinala a Festa da Anguía e a Mostra da Caña...

Luis López sinala a Festa da Anguía e a Mostra da Caña do País de Valga como exemplo da riqueza gastronómica e potentes atractivos turísticos do interior da provincia

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial reafirma, na inauguración da 35 edición desta festa declarada de interese turístico de Galicia, a aposta da Deputación para promocionar as comarcas de interior e descentralizar o turismo polos 61 concellos que compoñen a provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala a Festa da Anguía e a Mostra da Caña do País de Valga como exemplo da riqueza e variedade de gastronomía e dos poderosos atractivos turísticos da provincia. “Calquera motivo é bo para achegarse ao paraíso interior desta provincia extraordinaria, pero se a razón é degustar un manxar como a anguía do Ulla e un augardente artesanal, o pracer é xa insuperable”, afirmou o dirixente provincial na inauguración dunha das festas de maior tradición e de interese turístico de Galicia, para poñer en valor os froitos da aposta da Deputación pola promoción turística do interior da provincia.

“Co obxectivo de contarlle a todo o mundo que nesta provincia temos un paraíso interior, con tesouros como a anguía de Valga e o augardente artesanal, desde a Deputación lanzamos unha campaña turística insólita:

Unha iniciativa que promociona as Rías Baixas como nunca antes se fixera, amosándolle ao mundo o noso paraíso sen mostrar nin unha soa praia, porque a marea das Rías Baixas cobre os 61 concellos da provincia. Hoxe podémolo comprobar, concellos como o de Valga teñen moito que dicir, moito que aportar e, sobre todo, teñen moito por descubrir neste paraíso que son as Rías Baixas”, declarou o mandatario provincial convidando a todo o mundo, veciños e turistas, a achegarse esta fin de semana a este Concello limítrofe coa provincia da Coruña para desfrutar dun dos manxares máis recoñecidos da cociña pontevedresa.

Neste sentido, Luis López enxalzou todas as calidades que rodean esta celebración, que acada neste 2025 o seu 35 aniversario. Esta Festa da Anguía e Mostra da Caña de Valga é unha das máis destacadas e numerosas festas gastronómicas da provincia, na que os asistentes poden desfrutar da degustación de dous produto tan típicos desta provincia e que exhiben o carácter acolledor e a calidade de vida que caracterizan á provincia. “Razóns que explican por que os ollos de todo o mundo miren cada vez máis cara as Rías Baixas”, resumiu o presidente.

Esta festa afonda na aposta da Deputación pola descentralización do turismo para propoñer aos visitantes unha oferta de calidade e diversa nos 61 concellos da provincia e ao longo de todo o ano. Un obxectivo que se marcou a Deputación tanto na campaña de promoción turística das Rías Baixas deste ano como na nova estratexia para impulsar a provincia como destino turístico.  “Tanto para os que temos a sorte de vivir neste paraíso como para os que elixen visitarnos cada ano, os 61 concellos que compoñen as Rías Baixas —desde a costa ao interior— son unha fonte inesgotable de experiencias únicas”, rematou o presidente Luis López.

Publicacións Relacionadas