HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López sinala as axudas ás cooperativas agrogandeiras e a garantía da...

Luis López sinala as axudas ás cooperativas agrogandeiras e a garantía da Finca Mouriscade como mostra do “apoio máximo” da Deputación ao sector primario da provincia

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial participa en Rodeiro nun encontro cos cooperativistas do Rodo no que puxo de relevancia o peso económico, laboral e social que ten a entidade

“Se hoxe esta casa é un auténtico referente é grazas a moitísimas persoas que se deixaron e se deixan a pel. O protagonismo é todo voso”, afirma López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarca o “máximo apoio” que o organismo provincial presta ao sector primario da provincia con medidas como un plan de axudas de récord, dotado con 350.000 euros, para as cooperativas agrogandeiras, a garantía sanitaria do laboratorio de Finca Mouriscade ou a colaboración para a celebración de feiras sectoriais que impulsan o sector. Fíxoo nun encontro con cooperativistas do Rodo celebrado este venres en Rodeiro, onde o mandatario provincial puxo o foco na relevancia que ten esta cooperativa para a economía, o emprego e a vida social tanto neste concello como na comarca do Deza.

“Cando hai un apagón ou unha pandemia todos nos lembramos do gandeiros e dos agricultores. Por iso tedes o meu compromiso de que estarei con vós antes, agora e no futuro. Sabedes quen son e sabedes o que fixen e non vou deixar que O Rodo deixe de ser o que é: un auténtico referente neste concello e nesta comarca. Se es de aquí, se es deste Concello e xa non digo se ocupas unha responsabilidade política, só tes unha opción: coidar da cooperativa. Quen pense que O Rodo é obra dunha soa persoa ou quen queira poñerse a capa de heroe xa a pode ir quitando porque se hoxe esta casa é un auténtico referente é grazas a moitísimas persoas que se deixaron e se deixan a pel. O protagonismo é todo voso”, reflexionou o presidente nun xantar no que compartiu espazo con representantes da cooperativa e coa conselleira de Medio Rural, María José Gómez.

Un apoio de 95.000 euros

Na súa intervención, o presidente repasou as liñas mestras das distintas políticas de apoio impulsadas polo goberno provincial no ámbito rural. O aumento ata os 350.000 euros das axudas ás cooperativas, a colaboración na organización de feiras sectoriais e o continuo reforzo da Finca Mouriscade para que siga sendo un laboratorio de referencia e unha garantía sanitaria para o sector son só unha mostra dun compromiso que vai máis aló do apoio directo á gandería e agricultura da provincia e que abranguen tamén os ámbitos sociais e culturais. De feito, no caso particular da Cooperativo O Rodo o apoio da Deputación no que vai de mandato supera os 95.000 euros que serviron para modernizar a actividade da cooperativa mediante a adquisición de vehículos ou a incorporación de novos equipos informáticos. 

“Encontros como este sempre son necesarios. Serven para darnos conta de moitas cousas que no estrés do día a día adoitamos dar por feitas sen reparar na súa transcendencia. Unha, que este concello, esta comarca e esta provincia non se entenderían sen a pegada dun sector esencial e fundamental; dúas, que a nosa economía non tiraría con tanta forza de non ser polo empuxe dun motor de emprego e riqueza como o gandeiro; e tres, que para afrontar desafíos inmediatos como o demográfico, non podemos dar as costas ao sector primario”, concluíu o presidente Luis López, quen admitiu tamén que “calquera motivo é bo para vir a miña casa, Rodeiro, pero se a razón é compartir xantar nesta compañía, pois xa imaxinades o pracer que supón estar aquí”.

Publicacións Relacionadas