HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López sinala o Té Areeiro, producido a partir de camelias da...

Luis López sinala o Té Areeiro, producido a partir de camelias da provincia, como embaixador do “rico, extenso e variado” patrimonio natural das Rías Baixas

- Anuncio -spot_img

O mandatario provincial, acompañado polo deputado Javier Tourís, participa nunha degustación dos tés producidos na Finca Areeiro nos xardíns do Mosteiro da Armenteira

A Deputación conmemora o Día Internacional do Té: “Despois da auga, o té é a bebida máis consumida en todo o mundo e nesta provincia de Pontevedra temos a fortuna de dispoñer das dúas en abundancia e cunha calidade excelente”, afirma López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala o Te Areeiro, producido a partir das camelias dos xardíns de excelencia cos que conta a provincia, como un dos grandes tesouros do interior das Rías Baixas. Con motivo da conmemoración do Día Internacional do Té, o organismo provincial organizou unha degustación das infusións incluídas nesta marca Té Areeiro nun dos principais xardíns de camelias da provincia, o do mosteiro da Armenteira, en Meis. “Sabemos que a provincia de Pontevedra está chea de tesouros. Un deles, dos máis recoñecidos no mundo enteiro, son as camelias, a flor das Rías Baixas. Algo que lle trasladamos a todo  mundo en Xapón, cando participamos no Congreso Internacional da Camelia. Alí estivemos presentando o extenso, rico e variado patrimonio que temos vencellado á camelia, algo que sorprendeu”, salientou o mandatario provincial nun acto no que tamén participou o deputado responsable de Finca Areeiro, Javier Tourís, e as monxas dun mosteiro que colabora estreitamente co Centro Areeiro na elaboración de produtos derivados da camelia.

Despois da auga, o té é a bebida máis consumida en todo o mundo e “nesta provincia de Pontevedra temos a fortuna de dispoñer das dúas en abundancia e cunha calidade excelente”, afirmou López. Por elo, a Deputación organizou unha degustación dos tés agrupados baixo o selo de calidade Té Areeiro en colaboración co Mosteiro da Armenteira, “a catedral do Salnés” que conta cun “excepcionais xardíns de camelia”. Unha bebida, segundo definiu o presidente Luis López, “con sabor Rías Baixas, que en canto a bebemos levamos con nós un anaco desta extraordinaria terra para sempre”. Unha degustación da que desfrutou a veciñanza e os visitantes da comarca do Salnés, entre eles representantes da Denominación de Orixe Rías Baixas, traballadores da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, representantes da Mancomunidade do Salnés e tamén as monxas do mosteiro.

A estreita relación de colaboración que mantén a Deputación co Mosteiro da Armenteira non se limita unicamente á apertura deste espazo de alto valor natural e patrimonial para visitas, tamén está en vigor un convenio para o tratamento das camelias. Así, as monxas colleitan as sementes destas árbores, para que os traballadores da Finca Areeiro extraian o aceite, co que logo as monxas elaboran xabóns e outros produtos cosméticos moi aprezados e demandados. “Areeiro é un centro de referencia internacional. Desde alí, poñemos en valor os nosos recursos agrícolas e o Té Areeiro é un selo de calidade dun té feito con camelias de Pontevedra. Seguiremos investigando e facendo do té un produto sostible, un recurso para o noso interior e un medio de vida e emprendemento para o noso rural”, explicou o deputado Javier Tourís, quen adiantou tamén a colaboración cun restaurante de Estrela Michelin para incorporar o Té Areeiro á súa carta.

“As Rías Baixas contan con moitísimos tesouros e a camelia é un deles”, asegurou o presidente provincial, quen puxo en valor o atractivo turístico que supón esta flor para a provincia, que conta con xardíns de excelencia internacional coma os do Castelo de Soutomaior e os da Finca Areeiro, entidades dependentes da Deputación e que, no caso deste último, funciona como un centro de referencia mundial na investigación agrícola.

Publicacións Relacionadas