HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López subliña que a Deputación axudou en dous anos a emitir...

Luis López subliña que a Deputación axudou en dous anos a emitir 300 informes, elaborar 140 asistencias técnicas e retirar 125 vehículos abandonados para pequenos concellos

- Anuncio -spot_img

O presidente da Deputación reúne ao seu goberno na Lama para definir as prioridades do orzamentos provinciais de 2026, nas que o municipalismo seguirá a ser un dos eixos principais da acción de goberno

O goberno provincial investiu máis de 1,8 millóns de euros en servicios de asistencia intermunicipal para os municipios con menor capacidade económica e de xestión

“Desde a nosa chegada ao goberno da Deputación dixemos que o apoio a todos concellos era un dos nosos piares e así o estamos a demostrar”, afirma López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta os máis de 1,8 millóns de euros destinados polo organismo provincial para desenvolver labores de asistencia aos concellos ao longo dos dous primeiros anos de mandato. Nunha xornada de traballo levada a cabo entre a tarde do venres e esta mañá de sábado na Lama, na que participaron todos os membros do goberno provincial, o executivo provincial fixo balance dos dous anos de goberno e definiu as liñas estratéxicas para o vindeiro curso 2025-2026. “Desde a nosa chegada ao Goberno da Deputación dixemos que o apoio a todos concellos era un dos nosos piares e así o estamos a demostrar con este apoio fundamental para o seu funcionamento”, explicou o mandatario provincial.

Este apoio millonario ás administracións locais ao que se referiu o presidente Luis López tradúcese en máis de 300 informes xurídicos e técnicos así como consultas atendidas aos concellos, máis de 200 apoios aos concellos en tribunais de procesos selectivos, máis de 140 asistencias técnicas en actos de recepción de obras ou subministracións en concellos ou preto de 125 vehículos abandonados retirados en 44 concellos sen coste para as arcas municipais. “Estamos a falar dunha asistencia fundamental que, por falta de medios materiais, humanos ou económicos, aos concellos medianos e pequenos lles é imposible prestar e é aí onde entra o compromiso desta Deputación”, remarca o presidente.

Neste sentido, López tamén se referiu a outras accións para facilitar o traballo diario das administracións municipais como a elaboración de modelos de pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas, así como ordenanzas, bandos, bases de procesos selectivos, regulamentos, convenios ou expedientes; así como a remisión de circulares e notas informativas, a maior facilidade no acceso á información pública, con preto de 160 solicitudes presentadas; a apertura dun novo espazo de transparencia nos procesos selectivos ou a implantación dunha canle interna de denuncias sobre infraccións normativas para a loita contra a corrupción.

“O municipalismo rexe a acción deste goberno”, afirma o presidente provincial sobre un dos sinais de identidade do goberno provincial, que o vindeiro martes organizará por primeira vez na historia da Deputación un acto de balance dos dous primeiros anos de goberno en Vigo. Será un acto ao que asistirán representantes de todos os ámbitos da provincia para dar a coñecer os logros do goberno provincial ao longo destes dous primeiros anos do goberno de Luis López e presentar as liñas estratéxicas do futuro. Todo baixo o lema: “Escoitar, Entender e Atender: Dous anos tendendo pontes”.

Publicacións Relacionadas