HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López traslada á construción o seu apoio como sector “clave e...

Luis López traslada á construción o seu apoio como sector “clave e estratéxico” para converter en realidades os 128M€ da Deputación para investimentos nos concellos

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial, xunto co vicepresidente Rafa Domínguez, participa nun almorzo con representantes do sector en Pontevedra para presentar os plans provinciais de obras

O dirixente traslada a inquedanza que existe nos concellos pola falta de man de obra e as dificultades para cumprir os prazos previstos nos contratos de obra pública

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala a construción como un sector clave para a provincia. Acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, o mandatario provincial vén de participar este mércores no Liceo Casino de Pontevedra nun almorzo informativo con representantes da Asociación de Construtores de Pontevedra no que reafirmou a condición da Deputación como “aliado leal” do sector, actor fundamental para levar a cabo os investimentos impulsados polo organismo provincial a través de distintos plans de cooperación cos concellos; así como para trasladarlle as dificultades da administración para sacar adiante os proxectos de obra pública.

“Unha das nosas bandeiras é escoitar e entender para logo atender, nesta xornada recollemos moitas cousas para seguir apoiando un sector clave para a provincia. A Deputación é un aliado leal, nos momentos de maiores vicisitudes artellamos plans de investimentos, pero tamén lles trasladamos unha preocupación que hai entre os alcaldes e alcaldesas da provincia, que é que a obra pública teña preferencia para que poidan ser unha realidade canto antes porque é fundamental para mellorar a calidade de vida da veciñanza”, resumiu López o contido do encontro.

A posición do organismo provincial como “socio estratéxico” dun sector que “é un motor económico, unha fonte de emprego e riqueza e un vector de transformación ambiental e territorial imprescindible para a provincia” argumentouna López presentando os investimentos previstos pola Deputación para o 2026 no conxunto da provincia que suporán unha importante inxección de carga de traballo para as empresas deste sector.

Deste xeito, o presidente informou aos construtores que a Deputación contará co maior orzamento da historia do organismo o vindeiro ano, 239 millóns de euros que servirán para realizar investimentos nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes por valor de 128 millóns de euros ao abeiro dos plans +Provincia, Plan Extra e Plan de Infraestruturas Deportivas, así como os convenios bilaterais coas cidades de Vigo e Pontevedra valorados en 7,5 millóns de euros aos que se suman proxectos estratéxicos como os de Balaídos e Cine Fraga en Vigo ou Santa Clara, o novo edificio do Museo e a maior reforma da historia de Príncipe Felipe en Pontevedra.

Así mesmo, tamén destacou López que a provincia do deporte apontoarase con novos investimentos a través dunha novidosa liña de apoio a clubs e entidades valorada en 1,8M€ que se suman aos 20M€ que terán mobilizados as tres convocatorias dos Plan Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas nos concellos; a atención ás estradas reforzan a súa dotación en máis dun 50 % ata rozar os 40M€ e o apoio aos colectivos veciñais e comunidades de auga o enerxéticas tamén repercutirán no sector da construción ao incentivar a Deputación as actuacións nas súas instalacións.

Dificultades na obra pública

“Do mesmo xeito que somos unha administración que dá, agardamos que esa vontade de colaboración sexa recíproca”, contextualizou o dirixente antes de poñer en coñecemento do sector un problema que está a lastrar a execución de proxectos de obra pública. “Nunca antes a Deputación puxo ao servizo da provincia tantos fondos para executar proxectos estratéxicos, pero estamos atopándonos cunha enorme dificultade á hora de encontrar profesionais e empresas para executar os nosos proxectos. Sabemos que a man de obra é escasa, a carga de traballo está en máximos e que os trámites administrativos dos contratos públicos son complicados. Pero tamén sabemos que sen servizos públicos de calidade e sen unha sólida colaboración público-privada, esa velocidade de cruceiro que está tomando a nosa economía pode frearse. É por iso que, como aliado leal e apoio estratéxico do sector da construción, pídovos un pequeno esforzo: unha maior sensibilidade e atención aos contratos de obra pública, que son un instrumento vital para a cohesión social, a vertebración do territorio e, en definitiva, para construír unha provincia máis forte, competitiva e xusta”, trasladoulle o presidente Luis López aos representantes do sector.

Antes de dar por concluído o almorzo, tanto o presidente Luis López como o vicepresidente Rafa Domínguez recoñeceron a importante achega da construción á economía da provincia e reafirmaron o compromiso da Deputación para seguir tendendo pontes co sector. “Non ides atopar neste goberno da Deputación ese discurso incomprensible que demoniza un sector estratéxico para o avance, a modernización e a transformación da provincia. De nada servirían as nosas iniciativas e ideas sen o voso músculo e ferramentas. Unha actividade esencial non só para dotar de continentes á nosa vida social, tamén de contido. Que sería da nosa economía son as cifras de facturación e emprego que garante este sector de sectores?”, concluíu o presidente provincial.

Publicacións Relacionadas