O presidente provincial, Luis Menor, participou neste festexo que cumpre este ano 4 edicións coas persoas maiores como grandes protagonistas: “Vós sodes os que nos fixestes medrar como sociedade e ser o que somos”
O presidente provincial, Luis Menor, participou honxe na IV Festa do Maior, acompañado polo alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
Menor transmitiulle ao alcalde de Castrelo de Miño o seu agradecemento, en nome da Deputación, polo seu “empeño” en “honrar os valores dos nosos maiores” a través dunha celebración anual adicada a eles, a Festa do Maior. Precisamente, o presidente provincial recalcou que as persoas protagonistas deste festexo “sodes os que nos fixestes medrar como sociedade e ser o que somos”.
“Sen vós, non teríamos moitas das cousas que ás seguintes xeracións nos fixeron medrar como persoas e crer na nosa sociedade: educación, valores, compromiso, capacidade de esforzo e, creo que hoxe máis que nunca, coidado dos nosos maiores”, recalcou Menor, quen sinalou que o obxecto da Festa do Maior é festexar a idade: “Porque os anos son vida, queridas veciñas e veciños. E iso hai que polo en valor”.
Precisamente por elo, o presidente provincial proclamou que “para a Deputación é e seguirá a ser unha prioridade desenvolver políticas públicas que melloren a calidade de vida e o benestar das persoas maiores”.