O presidente provincial, Luis Menor, reuniuse en Fitur con María José García-Pelayo, para informarlle da acción piloto que poñerá en marcha a Deputación de Ourense para mellorar a saúde emocional de maiores afectados pola DANA.
A Deputación deseñou un programa personalizado para persoas maiores de Valencia afectadas pola DANA baseado en estancias en balnearios e as actividades de mellora da súa saúde mental , asociadas ao termalismo e ao benestar
O presidente da Deputación de Ourense, #Luis Menor, anunciou en Fitur que Massanassa será o municipio da Comunidade Valenciana beneficiario do programa da institución ourensá “Respiro termal par á mellora da saúde mental”, unha iniciativa que se centrará en promover estancias e actividades saudables personalizadas en balnearios da provincia para maiores especialmente afectados pola DANA sufrida en terras valencianas o pasado 29 de outubro de 2024. #Luis Menor comunicoulle o concello elixido para esta acción piloto á presidenta da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), María José García-Pelayo, acompañada pola directora xeral de Igualdade e Políticas Locais, Cristina Montalva.
Luis Menor expuxo á presidenta da FEMP os detalles da iniciativa da Deputación para a mellora da saúde emocional de maiores afectados pola DANA, así como as datas nas que se realizará o programa. “A presidenta dá FEMP cualificou esta iniciativa como ‘moi innovadora’ pola mestura de termalismo e solidariedade, expresando a súa felicitación polo programa”, sinala o presidente da Deputación.
Ademais, a presidenta da FEMP trasladoulle ao presidente da Deputación o máximo interese da FEMP por desenvolvela e a posibilidade de ampliar a iniciativa a outras localidades da Comunidade Valenciana e mesmo involucrar a outras vilas termais.
Luis Menor anuncia que medio centenar de veciños de Massanassa poderán chegar a Ourense, previsiblemente, a partir do mes de marzo. “Deseñamos un programa que inclúe o transporte gratuíto e a estancia en balnearios da nosa provincia, co obxectivo de minimizar esa experiencia traumática da DANA”, sinala o presidente provincial, un obxectivo co que se busca conseguir melloras na saúde física e mental a través da propia experiencia dos balnearios e cos tratamentos médicos e termais que ofrecen os profesionais destas instalacións.
A Deputación de Ourense deseñou o Programa “Respiro Termal para a mellora da saúde mental” como fórmula de colaboración entre administracións locais, permitindo o desenvolvemento dun proxecto solidario entre territorios, no que nun futuro póidanse involucrar outros niveis da administración pública e outras organizacións privadas, para ampliar unha acción común na protección e mellora da saúde emocional das persoas afectadas pola DANA da Comunidade Valenciana.
A Deputación de Ourense forma parte da Rede Española de Cidades Saudables (RECS), agrupación de entidades locais que, no marco da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), uníronse ao amparo dos principios do programa “Healthy Cities” da Organización Mundial da Saúde (OMS). En base aos obxectivos da Rede, así como aos valores e principios da OMS, nace o programa de respiro termal da institución ourensá.
O programa, deseñado con carácter gratuíto para as persoas beneficiarias, céntrase no acceso a un “período de respiro” nun hotel-balneario, en réxime de pensión completa, con consulta médica inicial de carácter voluntario, técnicas termais e actividades conducentes á mellora de saúde emocional.
A custo cero para os usuarios
A Deputación de Ourense implementará unha actuación piloto que contempla a participación dun número de persoas entre corenta e cincuenta. Todos os custos derivados do mesmo, tanto a estancia no balneario das persoas beneficiarias así como de todas as actividades de mellora da saúde emocional, estarán financiados na súa totalidade pola propia Deputación de Ourense.
No programa contémplase o desprazamento das persoas beneficiarias en AVE desde Valencia a Ourense para o que se xa se solicitou a RENFE o seu involucramento na acción piloto.
O departamento de Servizos Sociais do concello seleccionado para a actuación piloto asignará todas as prazas dispoñibles a aquelas persoas que baixo criterios técnicos considere como idóneas para participar no mesmo.
A Deputación de Ourense tamén estudará, no seo da FEMP, unha metodoloxía aberta a outras entidades locais como membros de Vilas Termais e a outros municipios da Comunidade Valenciana afectados pola DANA como membros da RECS, todo iso co obxectivo de contribuír a que o maior número posible de municipios e de persoas puidesen ter acceso a unha actuación que significase un respiro e unha mellora na saúde emocional de quen agora máis o necesitan.
Unha traxedia con consecuencias na saúde física e mental
A Comunidade Valenciana sufriu o pasado 29 de outubro de 2024 un desastre natural de orixe meteorolóxica provocada por unha DANA (depresión illada en niveis altos).
As choivas torrenciais e inundacións derivadas deixaron unha devastadora pegada emocional ademais dun impacto xeneralizado en todo tipo de infraestruturas e servizos, especialmente nos municipios máis afectados.
A vida de moitas persoas viuse enormemente afectada desde esta data en múltiples aspectos, con prexuízos presentes e futuros sobre a súa saúde física e mental.
Con este plan, desde a Deputación de Ourense preténdese aliviar unha pequena parte desas consecuencias que sofren os afectados pola DANA.