No marco do “Concerto 8M” que a Deputación organiza no Teatro Principal para render homenaxe ao labor que fai o terceiro sector a prol da igualdade, o presidente provincial comprometeuse a destinar 600.000 euros para colaborar nese traballo de “xustiza social” xunto ás entidades
O concerto correu a cargo da Xove Orquestra Ourensanía e baixo a dirección dunha muller referente como María Mendoza, para dar visibilidade ao traballo realizado polas dirixentes, traballadoras e voluntarias das case medio centenar de entidades sociais que asistiron ao acto
A través deste evento cultural, a Deputación trasladou unha declaración de principios cara estas mulleres que traballan por outras que sofren unha dobre desigualdade: de xénero e por pertencer a colectivos especialmente vulnerables
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor asistiu hoxe, no Teatro Principal, ao “Concerto 8M” que organiza esta institución para poñer en valor o traballo que realizan as entidades sociais da provincia a favor da igualdade, dentro das actividades organizadas polo Día Internacional da Muller.
No marco desta iniciativa, Luis Menor anunciou que a Deputación incrementará nun 70% o orzamento que destina aos proxectos das entidades sociais da provincia. Deste modo, alcanzarase os 600.000 euros para colaborar nese traballo de “xustiza social” xunto ás entidades.
A convocatoria desta liña de axudas será aprobada na vindeira Xunta de Goberno do 8 de marzo, e abrirase o prazo para a súa solicitude este mesmo mes. Trátase de “traballar da man: administración e terceiro sector, para lograr xuntos mellorar a vida das persoas que máis o precisan”, puntualizou Luis Menor.
“Concerto 8M”, un tributo a prol da igualdade
A Deputación organiza este concerto, dentro das actividades programadas con motivo do 8M, como unha ferramenta para reivindicar que o benestar e a igualdade é unha composición colectiva. A través deste evento cultural, a Deputación trasladou unha declaración de principios ao carón desas mulleres que traballan por outras que sofren unha dobre desigualdade: de xénero e por pertencer a colectivos especialmente vulnerables
“Derrubar as barreiras mentais que o terceiro sector combate a diario, garantirá que a vulnerabilidade das mulleres que máis sofren sexa entendida como unha circunstancia e nunca como un destino”, afirmaba Luis Menor, agradecendo en nome de toda a provincia ese traballo que contribúe a “reescribir a historia de moitas mulleres”.
O concerto correu a cargo da Xove Orquestra Ourensanía, baixo a dirección dunha muller referente como é María Mendoza, para dar visibilidade ó labor incansable que realizan a diario dirixentes, traballadoras e voluntarias das case medio centenar de entidades sociais que asistiron ao acto.
O “Concerto 8M” foi un tributo pola igualdade que puxo banda sonora a unha realidade ás veces invisible que é a de ser muller e pertencer a un colectivo vulnerable, xerando unha dobre discriminación que multiplica as barreiras de participación social e igualdade.



