O presidente provincial participou na mesa sobre axenda urbana e reto demográfico, dentro do III Foro Urbano de España e explicou a liña de traballo que lidera a Deputación de Ourense para promover unha ordenación máis coordinada, eficaz e vertebradora do territorio provincial
O Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco) acolleu hoxe o inicio do III Foro Urbano de España, onde participou o presidente provincial, Luis Menor, como relator na mesa sobre axenda urbana e reto demográfico.
Na súa intervención, Menor explicou a liña de traballo que lidera a Deputación de Ourense para promover unha ordenación máis coordinada, eficaz e vertebradora do territorio provincial. De feito, apelou á “unión entre administracións” para afrontar conxuntamente medidas para frear o que cualificou como “gran reto”: o despoboamento no rural.
Fundamentou tamén o presidente provincial a estratexia da axenda urbana provincial na “estrutura nodal” da provincia, caracterizada por un modelo policéntrico, cunha capital de tamaño medio e un número significativo de vilas medianas e pequenas espalladas polo territorio: Verín, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Xinzo de Limia, entre outras, que exercen unha influencia comarcal importante. “A Deputación quere aproveitar e reforzar esta estrutura porque consideramos que é clave para lograr un territorio cohesionado e loitar contra o despoboamento do rural a través da mellora dos servizos e as relacións comarcais”.
No que atinxe a accións concretas nesta estratexia, Menor deixou claro que “os proxectos que nacen dunha planificación integrada teñen moita máis forza e credibilidade”, facendo referencia neste sentido aos Plans de Actuación Integrados (PAI) que recentemente acadou a Deputación, cun financiamento de 14,5 millóns de euros para toda a comarca de Valdeorras e a área de influencia de Ourense Sur. Tamén lembrou Menor o PERTE da Auga, co que a Deputación acadou recentemente 13 millóns de euros de financiamento europeo para a dixitalización do ciclo da auga.
“Nunca houbo tantos recursos para quen teña proxectos ben pensados e de colaboración. E na Deputación de Ourense estamos a aproveitar esta oportunidade única, grazas a que temos unha estrutura ben exposta e unha planificación seria e realista”, reivindicou o presidente provincial.