HomeDeputaciónsDeputación OurenseLuis Menor clausura a Xornada Medicina Rural+ 2026 reafirmando o compromiso da...

Luis Menor clausura a Xornada Medicina Rural+ 2026 reafirmando o compromiso da Deputación coa equidade sanitaria 

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial subliña en Ribadavia que o futuro do territorio tamén se constrúe desde unha Atención Primaria forte, innovadora e próxima ás persoas

O encontro impulsou a elaboración do “Decálogo RURAL+”, unha folla de ruta participativa para avanzar cara ao modelo de medicina rural do futuro

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, clausurou hoxe en Ribadavia a Xornada Medicina Rural+ 2026, organizada pola Sociedad Española de Médicos Generales y de Familia (SEMG), un encontro que reuniu profesionais sanitarios, investigadores e representantes institucionais arredor dos retos e oportunidades da sanidade no medio rural.

Na súa intervención, Menor destacou que a saúde constitúe un elemento clave para garantir a cohesión territorial, asegurando que “o futuro do rural tamén se decide desde a capacidade de ofrecer servizos sanitarios de calidade, innovadores e próximos á cidadanía”. O presidente provincial definiu a xornada como un “auténtico laboratorio de ideas e experiencias” que confirma que a medicina rural representa unha peza esencial do sistema sanitario e unha oportunidade de futuro para territorios como Ourense.

O territorio como oportunidade fronte ao reto demográfico

Facendo referencia á intervención inaugural do deputado provincial e médico rural Rosendo Fernández, Luis Menor incidiu en que o territorio debe entenderse como unha fortaleza e non como unha limitación. Nun contexto marcado polo envellecemento poboacional, sinalou que provincias como Ourense están chamadas a liderar novos modelos de atención baseados na innovación nos coidados, na planificación e na proximidade.

Neste sentido, o presidente provincial lembrou que o rural non demanda privilexios, senón igualdade de oportunidades, destacando que non pode existir cohesión territorial sen servizos públicos sólidos, especialmente unha Atención Primaria forte e ben estruturada.

Innovación, humanización e relevo xeracional

Ao longo das dúas xornadas abordáronse cuestións clave para o futuro da medicina rural, como a aplicación da intelixencia artificial, a telemedicina, a investigación sanitaria ou a necesidade de atraer novos profesionais ao medio rural.

Luis Menor puxo en valor o traballo dos profesionais sanitarios que exercen nos concellos da provincia e defendeu que a innovación tecnolóxica debe servir para achegar a sanidade ás persoas, mantendo sempre o carácter humano, próximo e comunitario que define a medicina rural.

O legado da xornada: o Decálogo RURAL+

Un dos principais resultados do encontro foi a elaboración participativa do Decálogo RURAL+, un documento que recolle propostas estratéxicas para fortalecer a medicina rural, mellorar a formación e retención de profesionais e avanzar cara a un modelo sanitario máis equilibrado territorialmente.

Menor destacou que esta iniciativa permitirá deixar “unha pegada científica e social” que contribuirá a orientar futuras políticas públicas no ámbito sanitario rural.

O presidente provincial concluíu agradecendo á SEMG a elección de Ribadavia e da provincia de Ourense como sede deste encontro nacional, reafirmando o compromiso da Deputación para seguir traballando por un rural dinámico e con oportunidades: “Queremos que vivir nun pobo sexa sempre unha elección de calidade de vida e nunca unha renuncia a servizos nin a futuro”.

Publicacións Relacionadas