HomeOurenseAllariz-MacedaLuis Menor defende na inauguración da residencia de Xunqueira de Ambía o...

Luis Menor defende na inauguración da residencia de Xunqueira de Ambía o compromiso da Deputación para “resolver a atención aos maiores con feitos” 

- Anuncio -spot_img

O presidente da Deputación subliñou que o novo centro é a “constatación” de que a suma de esforzos entre administracións transforma os proxectos en servizos e infraestruturas reais para os cidadáns

As novas instalacións forman parte do Plan de investimentos para equipamentos sociais municipais da Xunta de Galicia. A Deputación aporta a esta residencia preto de 430.000 euros

Lonxe de ver o envellecemento da poboación como un factor negativo, o presidente provincial cualificouno como unha oportunidade para Ourense, que lidera así  a prestación de servizos especializados 

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, reafirmou hoxe o compromiso da institución provincial co benestar dos maiores durante a inauguración da nova residencia de maiores municipal María Puga Martínez, en Xunqueira de Ambía, acto no que acompañou ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, coa presenza tamén da conselleira de Política Territorial e Igualdade, Fabiola García.

Luis Menor subliñou que o novo centro é a “constatación” de que a suma de esforzos entre administracións transforma os proxectos en servizos e infraestruturas reais para os cidadáns.

A folla de ruta do Goberno provincial, dixo Luis Menor, está marcada pola cooperación estreita coa Xunta de Galicia e cos concellos. Unha alianza estratéxica que permitiu que Ourense sexa a destinataria do 60 % dos 18,5 millóns de euros de fondos europeos destinados polo Goberno galego ao Plan de investimentos para equipamentos sociais municipais.

Deste total a provincia de Ourense recibe 12 millóns, e á súa vez, a Deputación achega 2,3 millóns de euros, sendo a única institución provincial galega que colabora activamente no plan autonómico. Para a residencia de Xunqueira de Ambía a institución provincial destinou preto de 430.000 euros en tres anualidades, os últimos 150.000 euros este ano que serán incluídos na modificación de crédito de abril.

“O noso obxectivo é resolver a atención aos maiores con feitos”, sinalou o presidente, quen subliñou que este esforzo financeiro permitirá a creación de máis de 400 prazas repartidas en 16 proxectos distribuídos por outros tantos concellos.

Envellecemento como oportunidade para o rural

Lonxe de ver o envellecemento da poboación como un factor negativo, o presidente provincial cualificouno como unha oportunidade para Ourense, que lidera así  a prestación de servizos especializados.

A posta en marcha de instalacións como a de Xunqueira de Ambía achega múltiples beneficios para o territorio, detallou, como a creación de postos de traballo cualificados para a asistencia e emprego indirecto; fixación de poboación, impulso á economía de proximidade, e mesmo como medida para combater a “soidade non desexada”, convertendo as residencias en centros de socialización que actúan como a mellor terapia para os usuarios.

Compromiso co territorio

Menor agradeceu a implicación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do alcalde de Xunqueira de Ambía por facer realidade un equipamento que dará servizo a medio centenar de persoas. Así mesmo, lembrou que a Deputación seguirá colaborando neste ámbito social para garantir que os maiores da provincia reciban unha atención profesional de 24 horas sen perder o apego ao seu territorio.

Publicacións Relacionadas