O presidente provincial visitou o municipio para supervisar, xunto á alcaldesa María del Carmen Yáñez, diversas actuacións realizadas no municipio en colaboración coa Deputación
Na visita supervisaron os traballos realizados no campo de fútbol do Paraño, onde a Deputación investiu máis de 358.000 euros para a instalación de céspede artificial “dando resposta a unha vella demanda”, dixo Luis Menor
Lobios, 17 de decembro de 2025.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou o Concello de Lobios para supervisar, xunto a súa alcaldesa, María del Carmen Yáñez, algunhas das actuacións realizadas no municipio en colaboración coa Deputación de Ourense, que investirá máis de dous millóns de euros ao longo do mandato 2023-2027 neste territorio a través do Plan CooperOU.
Na visita destacaron os traballos realizados no campo de fútbol do Paraño onde a institución provincial investiu 358.202 euros para a instalación de céspede artificial “dando resposta a unha vella demanda do municipio que conta cun equipo de fútbol con fondo arraigo no pobo”, salientou Luis Menor. Un investimento que se suma aos 48.000 euros que xa se destinaran anteriormente para a reforma das gradas deste campo de fútbol.
Neste sentido, a alcaldesa agradeceu a colaboración do goberno provincial, “imprescindible” para sacar adiante “importantes proxectos para o noso municipio” que melloran os servizos aos equipos locais e atrae a novos usuarios a ditas instalacións para celebrar eventos lúdico-deportivos como campamentos infantís de fútbol. Neste sentido, a rexedora dixo que con esta obra queriamos “ofrecerlle unhas infraestruturas acordes á implicación que demostra a nosa xente co deporte e co territorio” Actualmente, están a xogar xa neste reformado campo de fútbol de “gran nivel” a Unión Deportiva Lobios e o equipo de veteranos.
A visita continuou na base do Grupo de Emerxencias Supramunicipal que, recentemente, incorporou a súa dotación de medios materiais novos EPIS para desenvolver con seguridade os seus labores en materia de emerxencias. Tamén viron o tractor desbrozadora que realiza un traballo fundamental neste territorio na prevención de lumes.
O presidente provincial felicitou á alcaldesa polo traballo realizado e por propoñer novos proxectos que beneficien á veciñanza con “infraestruturas que son prioritarias” en materia de servizos sociais e de emerxencias. Pola súa parte, a alcaldesa de Lobios agradeceu a visita do presidente para ver de “primeira man” as actuacións que estamos a realizar coa “súa axuda económica e implicación”.



