O presidente provincial, Luis Menor, participou, un ano máis, no acto organizado pola Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro), con motivo do Día Internacional da Muller Rural en Vilardevós, no que participaron máis de 350 mulleres de toda a provincia. O presidente provincial lembrou que no marco da campaña “8M, Mes a Mes”, que se leva a cabo desde a área de Igualdade da Deputación, este mes estivo dedicado a FEMURO para dar visibilidade ao papel das mulleres rurais na provincia.
Menor agradeceu o traballo desta entidade “a prol do asociacionismo das mulleres rurais” e salientou a importancia de continuar a reivindicar, a través deste tipo de iniciativas, “o impagable legado” das nosas mulleres do rural como “verdadeiras protagonistas” do desenvolvemento económico dos territorios.