O presidente provincial visitou hoxe este municipio ourensán, onde comprobou o estado das obras do pavillón no que a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e o Concello aportaron 400.000 euros para a súa ampliación e novo peche
Menor sinalou esta infraestrutura como “clave” para mellorar a calidade de vida dos veciños e agradeceu a implicación do goberno autonómico con “investimentos fundamentais” para a provincia
O alcalde de Sandiás, Felipe Traveso, puxo en valor a “gran utilidade” que suporá para a veciñanza este servizo
O presidente da Deputación, Luis Menor, visitou hoxe o municipio de Sandiás, en compañía do seu alcalde, Felipe Traveso, membros da corporación local, a secretaria territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Silvia Dorado, e o xefe do Servizo Provincial de Deportes da administración galega, Manuel Pérez.
O encontro, enmarcado na axenda de visitas a municipios da provincia do presidente provincial, serviu para poñer en valor a ampliación e construción do novo peche do polideportivo de Sandiás, “unhas obras esenciais para a mellora desta infraestrutura e desfrute da veciñanza”, sinalou Menor, quen enxalzou a cooperación entre administracións “para cumprir cos obxectivos de dar servizos e xerar actividade económica” nos concellos.
Pola súa banda, o alcalde, Felipe Traveso, agradeceu a implicación das administracións que subvencionan as obras e sinalou que estes traballos serán “de gran utilidade” para que o pavillón aumente a súa oferta, non só para facer deporte, senón para servir de punto de referencia para os menores do colexio e da escola infantil situada ao carón do polideportivo.
Ademais, a secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado, enxalzou o “exemplo de cooperación entre administracións” con resultados como estas obras en Sandiás. Neste sentido, Luis Menor agradeceu a implicación da Xunta con “investimentos claves para a provincia” que, coma no caso de Sandiás, “serven para mellorar a vida dos veciños”.
O deporte como ferramenta para a mellora da saúde, calidade de vida e socialización
As obras nesta infraestrutura municipal tiveron un custe de 400.000 euros, sufragadas pola Xunta de Galicia (180.000 euros), a Deputación de Ourense e o Concello de Sandiás (110.000 euros cada institución).
Esta actuación, froito dun convenio asinado entre as tres administracións en xuño de 2024, no que se xustificaba que a práctica de actividade física e deportiva representa, en xeral, unha ferramenta para a mellora da saúde e da calidade de vida, como mecanismo de socialización, cohesión e inclusión social, integración social e fonte de diversión, saúde e benestar; contribuíndo á formación e educación integral da persoa e fomenta valores como o esforzo persoal, traballo en equipo, cooperación, solidariedade, tolerancia, respecto ao adversario…
Por estes motivos, as tres administracións asinantes do convenio consideran que é fundamental que a practica físico deportiva poida estar ao alcance do conxunto da poboación e, moi especialmente, dos menores en etapa escolar.