O presidente provincial participou en Verín na inauguración da xornada de convivencia de agrupacións de voluntarios de Protección Civil, que reuniu a 400 participantes
O presidente provincial, Luis Menor, participou hoxe na inauguración da xornada de convivencia de agrupacións de voluntarios de Protección Civil que tivo lugar en Verín e na que se citaron 400 participantes de 60 agrupacións de toda Galicia.
No acto, no que tamén participaron o alcalde verinés, Gerardo Seoane e o director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, serviu para confraternizar e facer balance do que supuxo este ano para os 4.410 voluntarios rexistrados nas 236 agrupacións galegas. No tocante ás cifras, Luis Menor puxo en valor que a provincia de Ourense é a que máis agrupacións aglutina (75 en total), con 1.231 voluntarios e voluntarias de Protección Civil, apenas 300 menos que na totalidade da provincia da Coruña, co mesmo número de agrupacións que Ourense.
Tamén quixo Menor agradecer o labor dos voluntarios que “de forma altruista e desinteresada centrades en velar pola seguridade de todos”, manifestando tamén que a Deputación continuará a cooperar activamente con este colectivo e todos os que están adicados ás emerxencias e á protección, resaltando que a ourensá é a única deputación galega con axudas específicas para este fin, que puxo en marcha o ano pasado de xeito experimental e que continuará neste ano e nos vindeiros aumentando a súa dotación.