O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu a xornada “O marco da atención ás persoas maiores: análise de experiencias disruptivas e do emprego de sistemas de intelixencia artificial”
Durante a apertura da xornada, o presidente da Deputación de Ourense destacou que para a institución provincial “é unha honra acoller un encontro desta relevancia”, subliñando que este tipo de foros son clave “para construír o mellor futuro posible para quen construíu o noso mellor presente”
A Deputación de Ourense acolleu hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel a xornada “O marco da atención ás persoas maiores: análise de experiencias disruptivas e do emprego de sistemas de intelixencia artificial”, un foro de alto nivel centrado nos retos actuais e futuros do envellecemento e na mellora dos servizos de atención ás persoas maiores.
Esta iniciativa, organizada pola Fundación Democracia y Gobierno Local en colaboración coa Deputación, enmárcase nunha estratexia provincial orientada a facer de Ourense unha provincia na que se poida envellecer con dignidade, seguridade e calidade de vida, combinando innovación tecnolóxica e humanismo nas políticas públicas.
O presidente da Deputación de Ourense destacou que para a institución provincial “é unha honra acoller un encontro desta relevancia”, subliñando que este tipo de foros son clave “para construír o mellor futuro posible para quen construíu o noso mellor presente”.
Ourense afronta unha realidade demográfica singular, ao ser a provincia máis envellecida de Galicia e un dos territorios con maior taxa de lonxevidade de España e do mundo. Un feito que, segundo sinalou o presidente, non debe abordarse desde o derrotismo, senón desde a responsabilidade e a ambición política, converténdoo nunha oportunidade para liderar políticas públicas de benestar, atención e calidade de vida.
Neste sentido, lembrou que desde a Deputación se vén traballando cunha premisa clara: garantir a equidade territorial, de xeito que vivir nun concello pequeno non implique menos dereitos nin peores servizos. Para iso, consolidouse unha rede de atención que achega recursos a toda a provincia, reforzando a cohesión social e territorial.
A través da Área de Benestar, a institución provincial está a desenvolver un modelo de atención con vocación de futuro, centrado na autonomía persoal, na calidade de vida e na permanencia das persoas maiores no seu entorno habitual. Un modelo baseado no rigor, na eficiencia e na sustentabilidade, co obxectivo de asegurar un sistema sólido e duradeiro no tempo.
O presidente da Deputación puxo o acento na necesidade de avanzar nunha estratexia de envellecemento activo que vaia máis alá da asistencia tradicional, sustentada en tres eixos fundamentais. En primeiro lugar, a incorporación da tecnoloxía e da intelixencia artificial como ferramentas ao servizo das persoas, sempre desde o respecto aos dereitos fundamentais e garantindo que complementen, e non substitúan, a atención humana.
En segundo lugar, a aposta pola innovación social no medio rural, impulsando experiencias disruptivas que permitan ás persoas maiores permanecer nos seus fogares o maior tempo posible, con garantías de benestar e autonomía. Ourense aspira así a converterse nun territorio piloto e nun laboratorio de solucións aplicables a outras rexións con retos demográficos similares.
Por último, destacou a importancia da cooperación institucional e do intercambio de coñecemento, reflectida na participación de expertos de universidades como Barcelona, Santiago ou Vigo, así como de representantes doutras deputacións, nunha aposta clara polo traballo colaborativo e pola suma de talento e boas prácticas.
Pola súa banda, José Luis Moreno, xerente da Fundación Democracia e Goberno Local, lembrou que a Deputación de Ourense é patroa da Fundación xunto con outras 27 institucións provinciais, cabildos e consellos insulares, expresou durante a xornada que “estamos aquí para falar, para debater, para escoitar e compartir experiencias e solucións sobre unha cuestión de extraordinaria importancia, e que ten que ver coa atención ás persoas maiores e como a IA está a transformar a prestación de servizos a esta importante poboación”. Recalcou Moreno que a IA “é unha realidade, presente no noso día a día e, por tanto, o é á hora de mellorar os servizos aos cidadáns. Neste caso en cuestión, na prestación de servizos ás persoas maiores, está a conseguir mellorar a súa calidade de vida, seguridade e autonomía, abordando ao mesmo tempo a soidade non desexada e o esgotamento dos coidadores”.



