O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou os traballos do futuro edificio de Aeronáutica no Campus de Ourense
A Deputación de Ourense mantén liñas de cooperación constantes coa Universidade de Vigo, para diversas áreas como difusión cultural, formación en turismo ou programas de emprego
O presidente provincial, Luis Menor, participou hoxe no acto de inicio das obras do novo edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, nunha visita ao Campus de Ourense do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez e o rector da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Durante o percorridocoñeceron os detalles do espazo que albergará a sede desta escola punteira en Ourense, única en Galicia.
A nova escola será a única deste tipo en Galicia, cunha inversión que acada os 10 millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia financia o 60% das obras. Ademais, aspira a ser referente nacional e europeo. O edificio contará con máis de 6.500 metros cadrados destinados a aulas, laboratorios punteiros e incubadoras de proxectos.
A Deputación de Ourense, nunha aposta pola formación e o talento da provincia, mantén unha colaboración estreita coa Universidade de Vigo e, especialmente, co Campus Auga. Recentemente, aprobouse unha subvención destinada á Universidade de Vigo, que no marco da liña de colaboración que mantén aberta a Deputación desde hai anos, pola que recibirá un total de 325.000 euros para o financiamento de tres accións: actividades de difusión cultural; promoción da formación en turismo e para o programa universitario para o emprego e a vida autónoma.