HomeOurenseAllariz-MacedaLuis Menor pon a Xunqueira de Ambía como exemplo de que a...

Luis Menor pon a Xunqueira de Ambía como exemplo de que a colaboración entre administracións “permite prestar servizos de calidade no rural”

- Anuncio -spot_img

Nunha visita ao municipio, o presidente provincial coñeceu da man do seu alcalde, José Luis Gavilanes, algúns dos proxectos levados a cabo en colaboración coa Deputación, que a través do Plan CooperOU destinará neste mandato a este concello 731.500 euros

O alcalde agradeceu ao presidente a visita pero, sobre todo, que “sempre teña as portas abertas da Deputación” porque para os pequenos concellos é “vital esa colaboración” que se materializa en moitos servizos imprescindibles para a veciñanza

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe o municipio de Xunqueira de Ambía, para coñecer in situ, da man do seu alcalde, José Luis Gavilanes, algúns dos proxectos levados a cabo no territorio en colaboración coa institución provincial.

Neste mandato, o Concello de Xunqueira de Ambía recibirá da Deputación de Ourense un total de 731.500 euros a través do Plan CooperOU ao longo deste mandato, para desenvolver proxectos estratéxicos e garantir a prestación de moitos servizos básicos, cantidade á que se suman os preto de 641.000 euros recibidos ata o de agora a través de axudas o cofinanciamento de distintas actuacións.

Trala visita, o presidente provincial felicitou a José Luis Gavilanes por ter “transformado” este concello e pola “calidade de vida” que lle ofrece aos seus veciños e veciñas e asegurou que este é un exemplo de que grazas á colaboración entre administracións “pódense prestar servizos de calidade no rural”.

Así mesmo, adiantou que continuarase a colaborar nesta liña de traballo asentando estes servizos e afrontar novos proxectos que contribúan á xeración de emprego e riqueza, para asentar poboación no rural, adiantou Luis Menor.

O alcalde de Xunqueira agradeceu ao presidente a visita pero, sobre todo, que “sempre teña as portas abertas da Deputación” porque para os pequenos concellos é “vital esa colaboración” que como se reflexa hoxe, chega a todos os eidos: educación, agricultura, estradas, servizos sociais, formación… “servizos que son imprescindibles para a veciñanza”.

Trala recepción oficial na Casa Consistorial, comezaron a visita nunha das travesías que foi asfaltada a través dunha achega provincial e, de aí, trasladáronse á estrada que une Xunqueira de Ambía co Polígono de San Cibrao para ver as actuacións realizadas nun tramo da mesma.

No eido social, o presidente provincial puido coñecer a futura Residencia da Terceira Idade, que conta con 50 prazas, servizo que tamén cofinancia a Deputación. Así mesmo, visitaron a vivenda comunitaria que ten Xunqueira que, actualmente, ten as súas 12 prazas cubertas, e que se atopa no antigo Cuartel da Garda Civil.

Por último, no apartado formativo, tiveron a oportunidade de coñecer a Aula Cemit e o colexio do municipio que conta con 145 alumnos e alumnas, un centro que ten multiplicado por máis de catro o seu alumnado e continúa a medrar grazas “a unha aposta formativa persoal e específica”, destacou Luis Menor.

Publicacións Relacionadas