HomeDeputaciónsDeputación OurenseLuis Menor pon en valor a oferta termal “grande e espallada máis...

Luis Menor pon en valor a oferta termal “grande e espallada máis aló da capital” durante a inauguración da primeira piscina termal ao aire libre adaptada, en Punxín

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial destacou a “cooperación” entre as administracións autonómica, provincial e local como clave para levar a cabo proxectos estratéxicos en termalismo

O alcalde de Punxín puxo en valor o esforzo na promoción da área termal de O Bañiño

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas falou do termalismo como un recurso “a explotar, de xeito racional”

O presidente provincial, Luis Menor, subliñou hoxe a “determinación e a constancia” na posta en valor dun “recurso estratéxico” para a provincia de Ourense como é o termalismo, afirmación que realizou durante a inauguración da primeira piscina termal ao aire libre adaptada e accesible de España na área do Bañiño, proxecto executado a través do Plan de Sustentabilidade Ourense Termal, cofinanciado ademais da Deputación de Ourense pola Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

Menor puxo en valor a “cooperación” como clave para levar a cabo este proxecto termal, destacando a “estreita colaboración” coa Xunta de Galicia, sendo a Deputación de Ourense a que ten máis convenios co goberno autonómico das catro deputacións galegas.

“Non inauguraramos unicamente unha piscina, senón unhas melloras que supoñen un valor engadido para un concello como Punxín e para unha provincia termal como Ourense”, sinalou o presidente provincial, que puxo énfase en que a oferta termal ourensá é “grande e espallada, máis alá da capital”.

Neste sentido, lembrou as últimas melloras promovidas dende a Deputación de Ourense en materia termal: a incorporación do hotel termal de Allariz, a concesión do balneario de Berán, o impulso dun uso termal complementario no balneario de Arnoia e outras actuacións que, dixo Menor, ”proban que o termalismo na provincia de Ourense medra”.

Ademais, invitou aos asistentes a desfrutar do “refuxio climático extraordinario” que supón a área do Bañiño, así como aproveitar a Alta Velocidade para seguir atraendo visitantes a esta e ao resto de riquezas termais da provincia.

Pola súa banda, o alcalde de Punxín, Manuel Vázquez, destacou o “esforzo” feito desde o seu concello para poñer en marcha esta área termal durante décadas, desde que comezaron a facer as analíticas necesarias para certificar a zona como augas de aproveitamento lúdico mineromedicinal. “Grazas a cooperación temos as augas do Bañiño e isto seguirá medrando”, indicou.

Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas, destacou a Punxín como “un dos primeiros” de Galicia en adaptarse a lei de aproveitamento lúdico-termal e tamén dos primeiros en acceder ás axudas da Xunta de Galicia para que os concellos termais se adaptaran a esta nova normativa. “Este é un exemplo máis de cooperación institucional a nivel autonómico, provincial e local, a prol do termalismo que temos que explotar de xeito racional”, dixo Fernández Vila.

Visita á nova piscina termal

As autoridades visitaron as obras de mellora da área do Bañiño, nas que a Deputación de Ourense investiu desta volta preto de 37.000 euros, co fin de ofrecer servizos adaptados a persoas con mobilidade reducida e instalar un sistema de tratamento das augas residuais xeradas durante a limpeza das piscinas, mellorando así o compromiso co medio ambiente.

A actuación da piscina termal inclúe tamén a disposición dunha cadeira de rodas feita con materiais plásticos para meter na auga e evitar a súa oxidación, o que permite ao usuario acceder ás pozas con total seguridade.

Unha área con continuas melloras

Esta área, de titularidade municipal, sitúase ao aire libre e conta con autorización de uso lúdico por parte da Xunta de Galicia. Durante o ano 2022 realizáronse obras de acondicionamento, dotando á área termal de servizos e instalacións necesarios para a súa posta en marcha e modernización, melloras que tamén contaron con financiamento da Deputación. 

Publicacións Relacionadas