A Deputación de Ourense, recentemente adherida a esta rede integrada por administracións locais de toda Galicia, exerceu de anfitrioa nun acto celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel
O presidente provincial coñeceu os proxectos que impulsa esta entidade no municipio de Tarrafal, en Cabo Verde, onde se procura apoiar o desenvolvemento económico da localidade
O presidente provincial, Luis Menor, destacou as políticas sociais como “eixo estratéxico” da Deputación de Ourense, no marco da celebración da Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, celebrada hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel. A institución ourensá, recentemente adherida a esta rede municipalista integrada por administracións locais de toda Galicia, exerceu de anfitrioa do acto, no que precisamente se ratificou a súa alta na entidade solidaria.
Menor deu a benvida a Ourense aos asistentes e subliñou o “poder das alianzas”, tanto co sector público como privado, para impulsar iniciativas como as que desenvolve o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que leva a cabo proxectos nos países menos desenvolvidos. Ademais, puxo en valor o “municipalismo” como obxectivo principal da visión colaborativa das administracións. Tamén fixo referencia ao “carácter emigrante” que forxou a “gran solidariedade” do pobo ourensán.
O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, agradeceu á Deputación a súa implicación para “fortalecer” as iniciativas que leva a cabo esta rede en diversos países.
No marco da Asemblea Xeral, presentouse un dos proxectos que desenvolve esta rede municipalista para apoiar o desenvolvemento económico local do municipio do Tarrafal, en Cabo Verde. O alcalde desta localidade, José dos Reis Varela, asistiu ao acto.