A institución ourensá destinará a este concello preto de 550.000 euros do plan CooperOU para financiamento de diversas actuacións ao final de mandato
Entre os servizos impulsados neste concello destaca o Museo da Emigración, que recupera a “historia singular da vida dos habitantes deste concello en Guinea”, dixo Menor
O alcalde, José Antonio Pérez, destacou o seu obxectivo de “mellorar a calidade de vida e o coidado da veciñanza”
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, realizou hoxe unha visita institucional a Quintela de Leirado, onde puxo en valor “o extraordinario traballo a prol do territorio e da veciñanza” que desenvolve o Goberno local, presidido por José Antonio Pérez Cortés, en cooperación coa Deputación, que cara o remate do mandato destinará a este concello a través do Plan CooperOU preto de 550.000 euros para financiamento de diversas actuacións.
Luis Menor, acompañado polo alcalde e membros do equipo de goberno, decantouse por subliñar a palabra “cooperación” á hora de cualificar a relación de traballo entre a Deputación e o Concello, sinalando deste último que é “un modelo de creación e prestación de servizos”.
José Antonio Pérez, dixo o presidente provincial, desenvolve un labor “ben pensado e executado no que o primeiro obxectivo e mellorar a calidade de vida e o coidado da veciñanza”.
O alcalde de Quintela de Leirado, agradecido pola visita “nu día moi importante para nós”, destacou á súa vez que sen a cooperación da Deputación “sería imposible presumir de ser un concello moderno, con rúas urbanizadas e todos os servizos necesarios para os veciños”.
Durante a súa visita a Quintela de Leirado, Luis Menor tivo ocasión de coñecer as escavacións que os arqueólogos están a facer no xacemento das Mamoas de Chan, onde se iniciaron recentemente traballos de excavación dunha das mámoas e se atoparon xa cerámicas e restos dun arca funeraria.
O ámbito social tamén estivo presente na axenda, cunha visita á casa comunitaria de Xacebáns, supervisando ademais as obras realizadas a través do Plan CooperOu e do programa Hurbe da Xunta de Galcia na contorna do Concello.
Antes de reunirse na casa consistorial co alcalde e os concelleiros presentes para analizar futuras liñas de cooperación, Luis Menor visitou o edifico multiusos, que acolle o Museo da Emigración, que recupera “unha historia singular da vida dos habitantes deste concello en Guinea, onde marcharon traballar nas explotacións de cacao”.