O proxecto deportivo, presentado hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel, supón “unha vitoria da convivencia e da superación na nosa provincia”, afirmou o presidente da Deputación, quen lembrou que esta iniciativa contou co apoio do goberno provincial desde o primeiro minuto
O equipo está integrado por 24 mozos e mozas procedentes das residencias da Fundación San Rosendo de Baños de Molgas, Allariz e Pereiro de Aguiar
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu hoxe a presentación dun novo equipo o “Pabellón inclusivo” que, co apoio da Deputación de Ourense, contribúe a construír unha provincia máis “igualitaria e xusta”, dixo o presidente provincial, Luis Menor, neste acto no que estivo acompañado polo tenente de alcalde de Ourense, Aníbal Pereira; o xefe do Servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o presidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; e o presidente do Pabellón CF, Fernando Martínez.
Este novo proxecto deportivo supón “unha vitoria da convivencia e da superación na nosa provincia”, afirmou Menor, quen lembrou que esta iniciativa contou co apoio do goberno provincial desde o primeiro minuto cando lla presentou a directiva do club, no pasado mes de xaneiro, porque ademais de ser moi “acaída” entronca á perfección coa “nosa visión política”.
Un proxecto que, ademais, nace da man dun “club histórico para a cidade e a provincia”, explicou Menor e que está integrado por 24 mozos e mozas que proceden das residencias de Os Milagros de Baños de Molgas (15 xogadores); de Monterrei do Pereiro de Aguiar (5 xogadores) e de Valverde de Allariz (4 xogadores).
Tres residencias da Fundación San Rosendo que demostran, unha vez máis, “o seu compromiso inquebrantable co benestar e a integración social en Ourense”, dixo o presidente provincial. “Pabellón inclusivo” é, polo tanto, o resultado da cooperación entre entidades que ve a luz como un proxecto deportivo aberto a novas incorporacións que nos fai sentir “orgullosos de formar parte desta provincia que ten tanto talento, solidariedade e capacidade de atender ás persoas menos favorecidas”, engadiu o presidente provincial.
Ademais, tamén se presentou o torneo “A nosa champions” que comezará este 11 de abril a tempada de 2026, aquí en nos Remedios en Ourense, tendo ao Pabellón CF como anfitrións dunha competición na que se darán cita 12 equipos de toda Galicia.
A Deputación, co deporte inclusivo
A Deputación de Ourense vén a apoiar este equipo inclusivo desde a súa concepción ata a materialización das primeiras iniciativas como este torneo porque “cremos nun deporte sen etiquetas e sen barreiras”, explicou o presidente provincial.
Cabe recordar que desde o goberno provincial este é un exemplo máis da colaboración e aposta polo deporte inclusivo, xa que temos tamén: Feddi Mundial de Atletismo de persoas con discapacidade intelectual, Special olimpics nacional de fútbol sala, Area Social COB co seu equipo inclusivo de baloncesto; e a Purísima e o seu equipo inclusivo de Atletismo, lembrou Luis Menor.



