O presidente provincial destacou a importancia de establecer sinerxias coa IA aplicada “a campos como o audiovisual, videoxogos e plataformas de comunicación orientadas á xestión-administración, turismo, educación, industria e enxeñería”
Carlos Fernández, gañador do Goya por “Cafuné”, acompañado por Lorena Ares, ambos con orixes ourensáns, recalcou que este recoñecemento “é o froito de 15 anos de traballo e estamos moi orgullosos de compartilo coa Deputación e de buscar espazos comúns onde poder colaborar”
O presidente provincial, Luis Menor, recibiu no despacho da Deputación a Carlos Fernández, acompañado por Lorena Ares, gañador do Goya 2025 á mellor curtametraxe de animación por “Cafuné”. Tanto Fernández como Ares teñen orixes familiares tanto na provincia como na cidade de Ourense, e ambos recalcaron o “orgullo de compartir este recoñecemento coa Deputación, pois é o froito de 15 anos de traballo”.
O presidente provincial, Luis Menor, felicitounos por este premio e amosou o compromiso da Deputación co sector audiovisual e da Intelixencia Artificial, “que chegou para cambiarnos a vida”, dixo, destacando a importancia de establecer sinerxias coa IA aplicada “a campos como o audiovisual, videoxogos e plataformas de comunicación orientadas á xestión-administración, turismo, educación, industria e enxeñería, sobre todo nun territorio con tanto potencial como é Ourense”.
Así, entre os compromisos abordados na reunión, falouse da posibilidade de colaborar na vindeira produción de Carlos Fernández, titulada “Dinogames” (ambicioso proxecto 360 en forma de longametraxe de animación, serie e videoxogo en animación 3D que xa conta co apoio de RTVE, o Goberno de Navarra e socios internacionais), así como de estudar a posibilidade de abrir unha delegación do laboratorio de traballo en Galicia. Precisamente, Carlos Fernández amosou o seu entusiasmo “de poder buscar espazos comúns onde poder colaborar coa Deputación de Ourense”.