Este encontro institucional enmárcase na misión comercial inversa impulsada pola Asociación Amigos da Cociña Galega, froito da viaxe realizada a Xapón por esta entidade, que contou co patrocinio da Deputación de Ourense
Matsumoto é un cociñeiro de gran prestixio en Xapón, e na súa filosofía gastronómica destaca o coidado da terra, da cultura e da tradición, valores que atopou tamén na esencia da cociña galega
O presidente da Deputación, Luis Menor, recibiu no despacho do Pazo Provincial, ao recoñecido chef xaponés Matsumoto, no marco da súa visita a Galicia para coñecer de primeira man a gastronomía, os produtos e os proxectos culinarios do país.
Este encontro institucional enmárcase na misión comercial inversa impulsada pola Asociación Amigos da Cociña Galega, froito da viaxe realizada a Xapón por esta entidade, que contou co patrocinio da Deputación de Ourense. O obxectivo desta iniciativa é abrir novas vías de colaboración entre ambas culturas culinarias e poñer en valor a autenticidade da cociña galega desde unha perspectiva internacional.
Durante a recepción, Menor puxo en valor o compromiso da Deputación coa promoción exterior da gastronomía galega como elemento estratéxico de identidade, proxección internacional e desenvolvemento económico vinculado ao territorio.
Matsumoto é un cociñeiro de gran prestixio en Xapón, coñecido por interpretar a cociña do norte de España a través de ingredientes de tempada propios da rexión de Kansai, combinando técnicas, sabores e respecto polo produto local. Na súa filosofía gastronómica destaca o coidado da terra, da cultura e da tradición, valores que atopou tamén na esencia da cociña galega.
Ao longo da súa estancia en Galicia, o chef manterá encontros con cociñeiros e produtores e visitará distintos restaurantes e proxectos gastronómicos, co obxectivo de afondar no coñecemento mutuo e favorecer futuras liñas de colaboración entre profesionais galegos e xaponeses.



