O Goberno ourensán é a única Deputación que financia este plan, que tamén se estenderá ao resto de Galicia, e a provincia que terá máis investimento: 14 millóns de euros
A institución provincial implícase na mellora constante dos servizos asistenciais e a creación de máis prazas para a atención dos maiores, “o que suporá a creación de novos postos de traballo”, dixo o presidente
A construción, reforma e ampliación de centros de atención a maiores facilitará a creación de 375 prazas na provincia
Esta actuación, enfatizou Menor, demostra que a Xunta de Galicia non esquece á provincia de Ourense, lembrando outras iniciativas como o novo hospital materno-infantil, a colaboración cos regantes da Limia, o convenio con Medio Rural para a prevención e defensa contra os lumes, ou os acordos en materia de infraestruturas deportivas
O presidente provincial, Luis Menor, reivindicou hoxe o papel da Deputación de Ourense no ámbito da colaboración institucional, tanto coa Xunta de Galicia como cos concellos, para o desenvolvemento de proxectos que permitan ofrecer á cidadanía máis e mellores servizos.
Luis Menor fixo esta defensa da institución provincial no acto de posta en valor do Plan de investimentos para equipamentos sociais na provincia de Ourense, polo que o Goberno galego destinará 14 millóns de euros para 16 actuacións de mellora da calidade asistencial aos nosos maiores, noutros concellos ourensáns. Un programa que contará coa colaboración da Deputación, que achega 2,3 millóns de euros, sendo a única institución provincial que financia este plan, que tamén se estenderá ao resto de Galicia, e a provincia que máis investimento recibe.
Na Delegación Territorial da Xunta en Ourense, en presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o delegado territorial, Manuel Pardo, ademais de representantes municipais dos concellos beneficiados por este plan, Luis Menor cualificou esta convocatoria como “día histórico e moi importante para a provincia de Ourense”.
Unha actuación, enfatizou, que demostra que a Xunta de Galicia non esquece á provincia de Ourense. Neste sentido fixo unha defensa dos compromisos adoptados, en vías de desenvolvemento ou xa desenvolvidos, lembrando proxectos como o novo hospital materno-infantil, a colaboración cos regantes da Limia, o convenio con Medio Rural para a prevención e defensa contra os lumes, ou os acordos en materia de infraestruturas deportivas. Todo un conxunto de accións “que me permiten dicir que se está cumprindo con Ourense”.
Sobre os proxectos asistenciais presentados hoxe, o presidente da Deputación sinalou que a Deputación, apoiando á Xunta de Galicia, implícase na mellora constante dos servizos asistenciais e a creación de máis prazas para a atención dos maiores, “o que suporá ao mesmo tempo aproveitar a oportunidade que nos brinda para a creación de novos postos de traballo, pechando así un círculo máxico: servizos á cidadanía e emprego de proximidade, que tamén fixa poboación nas zonas rurais”.
16 actuacións con 375 prazas
A colaboración entre o Goberno galego e a Deputación de Ourense permite destinar máis de 14 millóns de euros (12 M€ a Administración autonómica e 2,3 a provincial) á construción, reforma e ampliación de centros de atención a maiores na provincia. Este investimento facilitará a creación de 375 prazas na provincia ourensá, dun total de 650 para toda Galicia, das que se beneficiarán 16 concellos: Avión, A Bola, Carballeda de Avia, Chandrexa de Queixa, A Gudiña, Laza, Manzaneda, Os Blancos, A Peroxa, Piñor, Ramirás, Trasmiras, Teixeira, Verea, Vilamarín y Xunqueira de Ambía.