O presidente provincial comprobou esta mañá en Xunqueira de Ambía os traballos que se están a acometer na OU-0108 e destaca que “a prioridade absoluta é manter abertas e seguras as estradas provinciais”
A Deputación mantén mobilizadas 16 brigadas en 11 comarcas para garantir a seguridade viaria na provincia fronte aos efectos dos temporais
Preto de 80 profesionais da institución provincial traballan na limpeza de foxos, desatranco de canos e reparacións urxentes do firme. Precisamente, na estrada OU-0306 entre San Cristobo e Leiro, a Deputación activará a contratación dunha obra de emerxencia para repoñer o firme desta vía, derrubado onte
A Deputación de Ourense mantén activado un amplo dispositivo humano e técnico para facer fronte ás numerosas incidencias provocadas polas persistentes chuvias das últimas semanas.
O presidente provincial, Luis Menor, supervisou hoxe os traballos que se están a desenvolver na estrada OU-0108 (Allariz-Maceda), onde as brigadas do Servizo de Vías e Obras actuaron tras o derrubo dun muro que afectou á cuneta e provocou a inundación parcial da calzada.
Antonio Carlos Sánchez Moro, xefe da sección de conservación e explotación do Servizo de Vías e Obras da Deputación, foi o encargado de explicar estes traballos e de avanzar que en lugares como a estrada OU-0306, onde onte se derrubou o firme entre San Cristobo e Leiro, activarase a contratación dunha obra de emerxencia para repoñer o firme desta vía ao seu estado orixinal.
No punto visitado hoxe, no termo municipal de Xunqueira de Ambía, os equipos provinciais procederon á retirada de cascallos, á limpeza do sistema de drenaxe e á reposición provisional das condicións de seguridade da vía.
Durante a visita, Menor subliñou que “a Deputación está onde hai un problema, con resposta inmediata e coordinada, porque garantir a mobilidade no rural é garantir igualdade e cohesión territorial”.
16 brigadas despregadas en toda a provincia
A práctica totalidade das brigadas provinciais están actualmente centradas na atención ás incidencias derivadas do temporal. O dispositivo está composto por: 60 operarios integrados en 16 brigadas, distribuídas polas comarcas de Allariz-Maceda, O Carballiño, Celanova, Ourense, Trives, Parada de Sil, Valdeorras, Viana-A Veiga, Verín, Xinzo de Limia e Bande. Ademais, están habilitados 6 vixiantes e 3 encargados, que percorren de maneira permanente a rede provincial para detectar incidencias non comunicadas a través do 112 ou polos concellos. Este operativo complétase con 6 equipos de retén adicionais, con tres operarios cada un, preparados para actuar de inmediato ante emerxencias sobrevidas.
En total, preto de 80 profesionais están traballando intensamente para minimizar os efectos das chuvias na rede provincial.
Actuacións prioritarias: drenaxe e seguridade
Debido á saturación dos terreos e á subida dos niveis freáticos, as intervencións máis frecuentes están a ser: desatranco de canos; limpeza de foxos e cunetas; estabilización de noiros e muros; e reparación provisional de fochancas no firme.
Estas reparacións teñen carácter preventivo e temporal, xa que as condicións de humidade e as baixas temperaturas non permiten nestes momentos executar asfaltados definitivos. “Non podemos esperar a que mellore o tempo para actuar; primeiro está a seguridade dos usuarios”, indicou o presidente.
Compromiso co rural e chamada á prudencia e á concienciación
A Deputación lembra que xestiona unha rede de máis de 1.850 quilómetros de estradas provinciais, moitas delas en zonas rurais especialmente sensibles ás condicións meteorolóxicas adversas.
Menor insistiu en que “a prioridade absoluta é facilitar a evacuación das augas e manter as estradas transitables en condicións de seguridade”, ao tempo que fixo un chamamento á cidadanía para circular con máxima precaución mentres persista a inestabilidade climatolóxica.
Ademais, desde o Servizo Provincial de vías e Obras lembran que por mor dos intensos ventos, estanse a producir caídas de ramas e árbores sobre as vías públicas, polo que solicitan aos propietarios de terreos anexos á rede viaria a concienciación precisa para que manteñan as árbores das súas propiedades en estado óptimo de mantemento e poda, para evitar problemas.



