As achegas, dotadas con 25.000 euros, permitirán afrontar gastos de matrícula de ata dous cursos oficiais ou formacións federativas e poden solicitarse ata o 17 de novembro
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, animou a solicitar a liña de axudas dotada con 25.000 euros para que mulleres da provincia poidan financiar os estudos que lles permitan acceder aos postos de técnicas ou adestradoras en clubs deportivos e de xuízas e árbitras nas diferentes modalidades deportivas. Estas axudas, que se concederán por concorrencia non competitiva, poderanse solicitar ata o 17 de novembro.
Durante unha visita ao primeiro equipo de As Celtas nas instalacións deportivas da Madroa, Luisa Sánchez explicou ao corpo técnico e as xogadoras que estas subvencións permiten sufragar ata o 100% da matrícula dos cursos, un máximo de dous por persoa e un importe máximo de 600 euros por formación. En concreto, poderán financiarse os diferentes títulos oficiais que dean acceso, nas diferentes modalidades, aos postos de adestradora ou técnica, xuíza ou árbitra, que poderán ser impartidos polas federacións deportivas (autonómicas ou estatais) ou polos diferentes centros de ensinanzas deportivas de réxime especial.
Ademais, tamén son subvencionables os gastos de matrícula das formacións federativas iniciadas en 2025 para obter o diploma que capacita para adestrar a deportistas en idade escolar e participar en competicións federativas. En calquera dos dous casos, a matrícula deberá ser realizada este ano e os estudos deben rematarse antes de final de ano ou comprender o curso lectivo 2025/2026.
Luisa Sanchez tamén avanzou ao primeiro equipo de As Celtas que os orzamentos provinciais de 2026 recollen unha suba do 20% na partida global destinada a estas achegas, que aumentará ata os 30.000 euros.
O pasado ano beneficiáronse desta liña de axudas 84 mulleres de 21 concellos da provincia. Para optar ás subvencións do 2025, as interesadas deberán presentar a solicitude antes do 17 de novembro a través da Sede electrónica da Deputación ou de maneira presencial. No Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) poden consultarse as bases da convocatoria e a documentación que é necesario achegar.



