HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuisa Sánchez anuncia a aprobación do convenio para reconstruír a piscina de...

Luisa Sánchez anuncia a aprobación do convenio para reconstruír a piscina de Teis, que sitúa a Deputación á fronte do financiamento da obra con 4,8 millóns

- Anuncio -spot_img

A vicepresidenta provincial informou a veciñanza do barrio de que a Xunta de Goberno dará este venres o visto e prace ao acordo co Concello de Vigo para rematar cunha “longa espera”

“A nosa disposición para investir en Vigo é absoluta. Nós cumpriremos coa parte que nos toca e esperemos que o goberno local faga o mesmo axiña, Teis xa agardou dabondo”, afirmou Luisa Sánchez

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de anunciar que a Xunta de Goberno provincial aprobará este venres o convenio de investimentos co Concello de Vigo que permitirá destinar 4,8 millóns á reconstrución da piscina de Teis. Un importe que situará a institución provincial á fronte do financiamento desta reforma, que conta cun orzamento global de 7,1 millóns. Así, a Deputación achegará dous terzos do total dos fondos, que permitirán recuperar esta instalación deportiva para o barrio tras unha “longa espera”.

Polo tanto, a achega provincial será clave para desbloquear a actuación. “A nosa disposición para investir en Vigo é absoluta, para investir e, obviamente, para que se recoñeza o esforzo desta Deputación”, sinalou Luisa Sánchez. “Nós cumpriremos mañá coa parte que nos toca e esperemos que o goberno local faga o mesmo axiña, porque Teis xa agardou dabondo”, apuntou a vicepresidenta.

Antes de informar aos medios deste “importante paso”, Luisa Sánchez puxo a noticia en coñecemento dun grupo de representantes veciñais e do tecido asociativo de Teis, que levan tres anos padecendo o peche da piscina pola “falta de dilixencia” do goberno local. “Queremos trasladarvos en primeira persoa as decisións que se toman para mellorar a vida do voso barrio”, comunicoulles.

A vicepresidenta lamentou que este convenio non estea aínda asinado debido á “parsimonia” municipal. A este respecto, recordou que o Concello tardou meses en responder aos requirimentos da Deputación para comezar as negociacións. Ademais, lembrou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, chegou a rexeitar os fondos provinciais despois de que un dos seus concelleiros aceptase a proposta da vicepresidenta de cofinanciar a reforma da piscina de Teis. Finalmente, tras obter a confirmación definitiva de que o rexedor si quere contar co apoio da Deputación, o ente provincial elevará o convenio á Xunta de Gobierno para o seu visto e prace.

“Agardo que o señor Caballero non queira enredar máis e amose a súa disposición para facer a parte que lle toca. En caso contrario, deberá explicarlle ao barrio de Teis e á cidade de Vigo por que. E, sinceramente, creo que o tería moi difícil”, advertiu.

Unha piscina nova

A piscina de Teis sufriu un incendio en maio de 2022 e o Concello non foi quen de comezar os labores previos á obra ata este verán. O proxecto contempla a remodelación da fachada, novas salas para actividades deportivas, illamento térmico renovado, maior eficiencia enerxética, un cambio do sistema eléctrico, a substitución dos materiais da cuberta e dos cristais dos muros, e actuacións de accesibilidade universal, entre outras melloras.

“Queremos que este barrio volva dispoñer da súa piscina e queremos poñer fin ao trastorno de todas estas persoas, moitas de avanzada idade, que teñen que desprazarse a outros puntos de Vigo para practicar deporte: deporte que, non o esquezamos, é saúde”, indicou Luisa Sánchez.

Publicacións Relacionadas