O goberno da Deputación investirá 1,45 millóns de euros na xestión de Smartpeme + e das oficinas Acelera Pyme Rural, que desde Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo prestan asesoramento a emprendedores da provincia
En febreiro entrará en vigor o novo contrato para xestionar a rede de oficinas desde a que tamén se levarán a cabo actividades formativas sobre crecemento empresarial e transformación dixital
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e tamén responsable das áreas de Economía e Impulso ao Emprego da institución provincial, Luisa Sánchez, acaba de participar na gala de entrega dos XIX Premios Joven Empresario/a de AJE Vigo onde anunciou a renovación da aposta do goberno provincial pola Rede SmartPeme+. Durante o acto a vicepresidenta, que fixo entrega do galardón honorífico a Carlos Filgueira, de Oftega, reivindicou o firme compromiso da institución provincial coa cultura emprendedora.
“Debemos facilitar o camiño aos emprendedores e cónstame que tanto desde o nivel autonómico como desde o provincial temos realizado grandes esforzos e cambios para conseguilo”, enxalzou Sánchez quen tamén remarcou a necesidade de “acompañar” aos emprendedores. Ao respecto, a vicepresidenta adiantou que este mesmo mes de febreiro entrará en vigor o novo contrato para xestionar a rede de oficinas de SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural, cun investimento total de 1,45 millóns de euros no 2025 para asesorar a persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Ademais, recordou que a través desta rede tamén se levarán a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2.500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo ata 200 talleres formativos e actividades complementarias.
“Trátase de axudarvos a poñer en valor o voso traballo, impulsar o nacemento de novos proxectos emprendedores e o crecemento doutros que xa están en funcionamento”, subliñou Sánchez. “Sabemos que ser xove empresario é moito máis que unha cuestión de idade. Tamén é incorporar ao mercado novos coñecementos, aportar innovación a sectores tradicionais ou asumir un legado empresarial de décadas que hai que renovar e nós, desde a Deputación de Pontevedra, queremos estar ao voso lado”, engadiu.
O compromiso da Deputación co emprendemento vai máis alá da rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural. Neste eido, a vicepresidenta provincial recordou programas como DepoEmprende, “co que estamos a inculcar a cultura emprendedora na propia escola, tanto en primaria como en secundaria e en Formación Profesional”, ou iniciativas que permiten completar a formación de alumnos da provincia no estranxeiro, nos que o pasado ano a institución investiu un millón de euros.