A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este xoves á inauguración do novo espazo activo da Asociación Española contra o Cancro en Vigo, situado na rúa Venezuela, nun acto ao que asistiu o presidente nacional da AECC, Ramón Reyes. A vicepresidenta sinalou que “será un salto de calidade nos servizos que prestades á cidadanía e é un orgullo para a sociedade contar cunha asociación tan implicada, sempre reivindicando máis recursos para a investigación e sempre ao carón dos pacientes e as súas familias”.
Luisa Sánchez lembrou o apoio da Deputación á AECC na provincia, como o convenio para financiar o seu proxecto de atención biopsicosocial (cunha achega de 15.000 euros) ou o apoio e asistencia ás actividades que organizan ao longo do ano. “A Deputación é unha aliada da Asociación porque facedes un labor extraordinario que repercute na mellora da calidade de vida das persoas que sofren esta enfermidade, e non temos palabras para amosarvos o noso agradecemento, admiración e respecto”, asegurou a vicepresidenta provincial, que augurou que “nesta nova sede ides desenvolver grandes proxectos e ser testemuños de moitos casos de recuperación”, ademais de desexar, unha vez máis, “que atopemos unha cura máis cedo que tarde e cheguemos ao 70% de supervivencia para o ano 2030”.