Vigo, 2 de setembro de 2025. A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, convidou este mércores á cidade de Vigo a gozar de Le Solitaire du Figaro, unha das grandes regatas transoceánicas do mundo, que recalará no porto olívico do 18 ao 21 de setembro. Segundo augurou, o evento será un “éxito” de público e “conseguirá envorcar a cidade cara ao mar”, evocando así fitos deportivos como a saída da Volvo Ocean Race en 2005. “Estou segura de que Vigo vai gozar, e moito, con esta regata. O espectáculo é enorme e deixa claro que a nosa ría é un escenario ideal para este tipo de eventos”, sinalou a vicepresidenta.
Luisa Sánchez tamén salientou o retorno que xerará, en termos turísticos, este acontecemento, que situará a Vigo no epicentro da vela mundial. Finalmente, felicitou a organización por potenciar a relación porto-cidade con múltiples actividades paralelas.



