A vicepresidenta provincial agradece á Federación Galega de Balonmán o seu esforzo organizativo e salienta o retorno “positivo” recibido por parte de familias e clubs
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, celebrou o “éxito” que supuxo a celebración do Torneo 5×5 de balonmán en Vigo, que este xoves viviu a súa última xornada de competición no porto olívico. Un evento que converteu o Paseo das Avenidas de Vigo nun escenario deportivo aberto entre o 5 e o 11 de setembro.
Luisa Sánchez destacou a gran acollida desta proposta, que mobilizou a preto de 300 nenos e nenas pertencentes a unha trintena de clubs, ademais de un cento de escolares. O campionato conseguiu igualmente achegar o balonmán á rúa, cun formato dinámico, atractivo e moi visual. “Foi un éxito polo alto nivel de participación pero tamén polo seu perfecto desenvolvemento. Factores ambos que proban o acerto que foi apostar por esta iniciativa. Conseguimos conectar á mocidade co deporte e o retorno que temos de clubs, deportistas e familias é moi positivo. Abofé que gozaron da experiencia”, explicou.
Neste senso, puxo en valor o esforzo organizativo de todas as partes implicadas, especialmente no que compete á Federación Galega de Balonmán como principal promotor da competición. Do mesmo xeito, enxalzou a colaboración da Autoridade Portuaria de Vigo por facilitar o uso das súas instalacións, permitindo así converter un espazo clave da cidade nun punto de encontro para o deporte base.
A competición, que celebrou este ano a súa segunda edición, levará agora o balonmán 5×5 a outras vilas como A Cañiza, A Estrada e Redondela, ampliando así o seu impacto e dando a coñecer unha disciplina que medra en popularidade e visibilidade, especialmente entre o público novo.
A Deputación de Pontevedra reafirma así a súa aposta por un modelo deportivo inclusivo, participativo e próximo á cidadanía, cun calendario de actividades que busca activar os espazos públicos, dinamizar os concellos e apoiar o talento deportivo das novas xeracións.



