A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, convidou a toda a cidade de Vigo a “deixarse sorprender” polas actividades organizadas nas vindeiras semanas polo Concello de Ponteareas en torno á camelia. A representante provincial recibiu este luns á alcaldesa da vila do Tea, Nava Castro, na sede olívica da Deputación para presentar a exposición ‘A camelia, flor de galegas e galegos’, que se inaugurará o 28 de novembro na Praza da Música. Ademais, animou a mergullarse na programación deseñada para os días 5, 6 e 7 de decembro, na que se inclúen os premios do Concurso de Relatos Ilustrados da Camelia, charlas sobre o té de camelia, obradoiros en torno a esta flor e varias actuacións de música tradicional galega.



