“Estanse a incumprir os pactos establecidos no convenio polo que non se trata xa dunha cuestión política, senón técnica e os técnicos provinciais están xa trasladándonos que pode haber posibles sancións se Caballero persiste na súa deslealdade institucional”, advertiu a vicepresidenta
Sánchez instou ao rexedor local a confirmar se acepta a financiación provincial para a piscina de Teis antes de que comece da obra: “Se quere xestionar os recursos municipais de xeito chapuceiro está no seu dereito, pero na Deputación queremos facer as cousas ben; somos xente seria”
A vicepresidenta subliñou que “se estes 5 millóns de euros que temos reservados para Vigo non se invisten a través do Concello, empregaremos outras fórmulas para que a cidade non perda estes recursos”
Luisa Sánchez convocará a comisión de seguimento dos convenio asinados co Concello de Vigo para avaliar os incumprimentos do alcalde de Vigo, quen está a omitir de xeito “reiterado” os investimentos da Deputación de Pontevedra na cidade olívica.
Así o anunciou este martes a vicepresidenta provincial, quen detallou que esas omisións derivaron en apercibimentos técnicos ao non respectarse diferentes cláusulas dos convenio, en especial as que fan referencia á obriga de dar a “axeitada publicidade” ás achegas da Deputación e a deixar “constancia” de que as obras se levan a cabo froito da colaboración entre as dúas administracións públicas.
Nesta liña, Luisa Sánchez remarcou que se están a “incumprir os pactos establecidos no convenio, polo que non se trata xa dunha cuestión política, senón técnica e os técnicos provinciais están xa trasladándonos que pode haber posibles sancións se Caballero persiste na súa deslealdade institucional”. “Todo se está a incumprir de forma evidente”, subliñou.
Con todo, a vicepresidenta asegurou que “Caballero non vai evitar que a Deputación siga investindo estes 5 millóns de euros en Vigo”. “Se estes recursos que temos reservados para a cidade non se invisten a través do Concello, empregaremos outras fórmulas para que a cidade non perda os recursos provinciais”, engadiu.
Igualmente, instou ao goberno local a non poñer en perigo os convenios bilaterais por puro tacticismo político. “Pídolle que non poña en risco un investimento anual de 5 millóns de euros para Vigo. Espero que ese non sexa o seu obxectivo. Espero que non estea desexando que os convenios se caian para logo facer a vítima e criticar á Deputación”, advertiu.
Convenio de 2025
Luisa Sánchez tamén solicitou a Abel Caballero que aclare por escrito ou publicamente, antes de que comecen as obras, se acepta os 5 millóns de euros da Deputación para a reconstrución da piscina de Teis, ante a contradición existente no seo do goberno local. A vicepresidenta recordou que se o convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Vigo está sen asinar “é pola pasividade do goberno local, que non comezou a mover a súa maquinaria a pesar de terllo solicitado reiteradamente en varias ocasións ata o 10 de abril”.
Sánchez recordou que tras escoitar á veciñanza da cidade “propuxemos ao Concello de Vigo financiar a reconstrución da piscina de Teis, reformar o pavillón de Carballal e poñer unha nova cuberta ao club de remo Virxe da Guía que tiña levado por diante un temporal”. Trala proposta, tal e como informou a vicepresidenta, o segundo tenente de alcalde de Vigo confirmou a aceptación da reconstrución da piscina de Teis que, pouco despois, negou o alcalde, ao afirmar que o financiamento desta obra ía ser acometido directamente polo Concello. Sánchez engadiu que o 3 de xuño o segundo tenente de alcalde de Vigo, “o mesmo que Caballero desacreditou publicamente”, remite o proxecto de reconstrución da piscina de Teis polo que “ante esta evidente contradición pedimos aclaracións”. “Se queren xestionar de xeito chapuceiro os recursos municipais están no seu dereito, -asegurou a vicepresidenta-, pero na Deputación queremos facer as cousas ben, somos xente seria, e precisamos que antes do inicio da obra indiquen con claridade se aceptan ou non os recursos provinciais”.
Contradicións do goberno local
Tamén advertiu Sánchez que o goberno local, ademais das contradicións relativas á reconstrución da piscina de Teis, non se aclara con respecto aos proxectos a executar de cara aos próximos anos e con respecto á demanda de recursos por parte da Deputación. Deste xeito, a vicepresidenta recordou que se adiantaron en dúas comunicacións diferentes os proxectos para os anos 2026 e 2027 en colaboración coa Deputación de Pontevedra que tampouco coinciden. “Non imos asinar máis que proxectos que estean maduros, porque en menos dun mes cambian de opinión e non queremos comprometer os recursos provincial para a cidade”.
Tamén existen reclamacións en canto aos recursos que se demandan, xa que o alcalde pide a actualización do IPC, mentres que non o fai o tenente de alcalde. Ao respecto, a vicepresidenta recorda que nestes dous anos “a Deputación comprometeu 30 millóns de euros, que superan con creces calquera actualización do IPC”.
Finalmente, Sánchez lamentou que non se solucione o problema das instalacións do Club de Remo Virxe da Guía e adiantou que o goberno local tampouco prevé dar unha solución a corto prazo aos clubs e usuarios do pavillón de Carballal, “xa que nos pediron deixar esta imprescindible reforma para o ano 2027”.



