A presidenta da Deputación en funcións enviou unha carta ao rexedor municipal emprazándoo a manter unha xuntanza este xoves no lugar que o alcalde elixa
A representante provincial pide “aparcar debates estériles” e traballar no beneficio da cidade en xeral e de Teis en particular
A presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, emprazou este mércores ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a manter unha reunión “de xeito urxente” co obxectivo de desbloquear o convenio bilateral para cofinanciar a reforma da piscina de Teis. A través dunha carta, a representante provincial instou a que esa xuntanza teña lugar este mesmo xoves no lugar e á hora que o rexedor local decida.
Luisa Sánchez sostivo que ambas administracións están “abocadas a entenderse” e deben “traballar” no beneficio na cidade en xeral e de Teis en particular. Así, pediu “aparcar debates estériles y belicismos daniños”. “Amosemos altura de miras e falemos. A cidadanía saberá recoñecelo e o agradecerá”, sostivo.
Con todo, subliñou as “incoherencias” do alcalde, quen “é capaz de dicir unha cousa e a contraria”. Neste senso, salientou que foi capaz de solicitar 5 millóns de euros para reconstruír a piscina de Teis pero, ao mesmo tempo, Caballero advertiu de que o Concello de Vigo dispón dos fondos precisos e está disposto a achegalos. Igualmente, Luisa Sánchez lembrou que o alcalde rexeitou celebrar unha firma pública coa Deputación mentres acepta celebralas con outras institucións.
Por último, recordou os incumprimentos municipais á hora de dar publicidade aos investimentos provinciais en Vigo, incorrendo así nunha “reiterada falta de colaboración institucional”. A este respecto, destacou que a Deputación leva comprometidos 42 millóns de euros en investimentos na cidade “desde que teño responsabilidades nesta administración”.
Ante esta situación, a presidenta en funcións considera preciso manter “unha reunión urxente” despois de que o Concello de Vigo non respondera á proposta realizada pola Deputación o pasado 11 de novembro para asinar o convenio ao día seguinte.



