A vicepresidenta provincial xunto co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou o edificio, adquirido por ambas as dúas administracións para anunciar que a Xunta licita por 1 M€ a redacción do proxecto e a dirección das obras do Teatro Cine Fraga
O Goberno galego, en coordinación coa Deputación de Pontevedra, tramita por exclusividade o contrato para que sexa o arquitecto César Portela, autor do proxecto orixinal, quen continúe cos traballos no inmoble
Prevese un período de tres meses para resolver os trámites administrativos e outros seis para que se presente o proxecto. O obxectivo das novas intervencións e respectar as xa realizadas, cuxos dereitos de propiedade intelectual corresponden ao equipo técnico de Portela
Tirarase proveito dos 7.000 metros cadrados para ofrecer unha ampla programación que terá en conta as achegas da cidadanía realizadas ao longo do proceso participativo. Será, en palabras do titular de Cultura do Executivo autonómico, un espazo “de referencia no noroeste peninsular”
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra amosou a súa satisfacción porque “hoxe, o fin das obras do Teatro Cine Fraga está máis preto de materializarse para volver abrir este edificio aos vigueses e viguesas”. Así o declarou na visita que acaba de realizar xunto co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, ao edificio, adquirido por ambas as dúas administracións, e na que se anunciou que a Xunta licita por 1 millón de euros (IVE engadido) a redacción do proxecto e a dirección das obras do Teatro Cine Fraga.
A Xunta de Galicia en coordinación coa Deputación de Pontevedra acaba de iniciar o trámite por exclusividade do contrato para que sexa o arquitecto César Portela, autor e propietario intelectual do proxecto orixinal e director das actuacións xa executadas, quen asuma esta responsabilidade de rematar os traballos do inmoble adquirido por ambas as dúas administracións.
“Tras máis de 20 anos pechado –asegurou a vicepresidenta provincial- o traballo conxunto da Xunta de Galicia e da Deputación vai permitir reabrir este emblema da cidade de Vigo como un edificio onde as exhibicións, as artes escénicas, audiovisuais e literarias conflúan cunha programación de calidade e referencia a nivel nacional”. Neste eido, Luisa Sánchez, subliñou a “necesidade de reposicionar Vigo como referente cultural tras os malos indicadores que diferentes estudos presentaron nos últimos meses” e engadiu que “investir na cultura de Vigo é apostar por unha cidade máis diversa, plural e atractiva, tanto para o público como para que os nosos colectivos culturais medren”. Neste eido agradeceu a sensibilidade da Xunta de Galicia con Vigo.
O conselleiro de Cultura puxo en valor as obras realizadas con anterioridade á adquisición do inmoble por ambas as dúas administracións. Neste senso, salientou que dándolle continuidade ao proxecto orixinal “respéctase a intervención xa realizada incorporando as actualizacións que sexan precisas”. En canto aos prazos, o representante do Goberno galego concretou que a partir deste momento precísase de tres meses para resolver a tramitación do expediente de cara a proceder a adxudicación do contrato e, unha vez resolto e asinado, cóntase dun prazo de execución estimado de seis meses para que a redacción do plan de traballo estea culminado, “o que permitirá abrir o novo escenario que dea lugar ao inicio das obras no primeiro semestre do ano 2026”, avanzou.
Compromiso con Vigo
“Cumprimos coa palabra, cumprimos co Teatro Cine Fraga e sobre todo, cumprimos con Vigo e cos vigueses”, aseverou López Campos, quen lembrou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tiña comprometida a publicación da licitación da redacción do proxecto das obras antes de que finalizase o mes de xullo. Por estes motivos, destacou que a Xunta está a demostrar que “avanza, segundo os prazos dados, no proceso de recuperación deste emblema” co obxectivo de erixilo “nun espazo escénico, musical, audiovisual e literario de referencia de primeiro nivel no noroeste peninsular”.
Só un ano despois a súa adquisición, o inmoble conta cunhas liñas estratéxicas definidas e cun plan de usos perfilado no que se tiveron en conta as achegas feitas pola cidadanía a través da campaña O mellor espazo busca o mellor contido. Neste eido, tanto a vicepresidenta provincial como o conselleiro remarcaron o valor das propostas da veciñanza e agradeceron a súa participación activa para que este espazo emblemático, de 7.000 metros cadrados, conte cunha programación cultural de calidade e se erixa no epicentro de innovación cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Tanto o conselleiro como a vicepresidenta provincial remarcaron que a vontade é recuperar este espazo como centro cultural flexible e polivalente, que favoreza a produción e a experimentación, a través de iniciativas vencelladas ás artes musicais, audiovisuais e literarias. Nesta liña, está previsto a posta en marcha de residencias artísticas para profesionais locais e tamén de todo o noroeste peninsular.

