A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este mércores no Work Café Santander de Vigo na presentación do festival solidario co que a asociación Alento (formada por persoas afectadas por un dano cerebral adquirido) festexará, este sábado 24 de maio en Navia, os seus 25 anos de existencia. No marco do festival realizarase a tortilla máis grande da historia de Vigo, para o que se necesitarán ingredientes como 1.700 ovos ou 150 quilos de patacas, e haberá actividades como música en directo e obradoiros educativos e creativos.
Luisa Sánchez animou a cidadanía da provincia a asistir ao evento, que permitirá financiar os servizos que presta o colectivo na cidade coa compra das racións de tortilla ou adquirindo produtos de merchandising. A vicepresidenta provincial tamén lembrou que Alento foi unha das beneficiadas na pasada convocatoria de axudas a entidades para realizar actuacións no ámbito social, recibindo máis de 6.000 euros para mellorar o servizo residencial especializado que prestaron a arredor de 30 persoas con dano cerebral en Vigo e na súa contorna durante o ano 2024. Luisa Sánchez comprometeuse a seguir actuando da man dos colectivos da cidade para garantir os dereitos das persoas afectadas por doenzas e os das súas familias.



