A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou esta mañá na presentación da segunda edición da Entre Rías Media Maratón O Grove-Sanxenxo, “unha proba cun gran potencial, que chegou para quedar e consolidarse no calendario de media maratóns da primavera do conxunto do país”. Sánchez, cualificou esta proba deportiva como “o mellor exemplo do municipalismo e de que a pesar das diferencias políticas, é posible sumar sinerxías, traballar unidos e impulsar actuacións para a promoción dos territorios”.
Para a vicepresidenta “é unha marabilla poder acoller nesta provincia esta proba que percorre 21 quilómetros entre O Grove e Sanxenxo a través de espazos de grande beleza, conxugando á perfección deporte e turismo”. Neste eido engadiu que “sabemos que noso territorio ten un gran potencial para organizar competicións deportivas e por iso tiñamos que estar aquí, apoiando esta media maratón que será, sen dúbida, o mellor escaparate de promoción da provincia de Pontevedra e que nesta segunda edición, que terá lugar o 18 de maio, superará con creces os 1.000 participantes rexistrados na primeira convocatoria”.