HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuisa Sánchez urxe ao Concello de Vigo a asinar “canto antes” o...

Luisa Sánchez urxe ao Concello de Vigo a asinar “canto antes” o convenio para a reforma da piscina de Teis tras ter que modificar a contía pola “falla de rigor municipal”

- Anuncio -spot_img

A Deputación enviou este mércores o novo acordo á administración local, que pediu aumentar a 5 millóns a achega provincial cando xa estaba aprobada a partida inicial

A representante provincial pide a Abel Caballero máis planificación: “Perdemos un tempo marabilloso pero podemos dicir que a Deputación fixo os seus deberes de xeito rápido i eficaz”

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, urxiu este mércores ao Concello de Vigo a aprobar “canto antes” o convenio bilateral para a reforma da piscina de Teis despois de que “a falla de rigor municipal” obrigase á institución provincial a modificar a contía, que pasará de 4,8 a 5 millóns de euros.

Tal e como explicou Luisa Sánchez, a Deputación xa aprobara o convenio o pasado 22 de agosto por un importe de 4,8 millóns a petición do goberno local, que quería “gardar” 200.000 euros para outros fines. Con todo, tras o visto e prace provincial, o Concello de Vigo comunicou á vicepresidenta que finalmente quería destinar á piscina de Teis, de xeito íntegro, os 5 millóns que a administración municipal recibe cada ano da Deputación.

Este “vaivén” obrigou aos técnicos da Deputación a reformular o acordo, que foi remitido á xunta de goberno provincial para unha nova aprobación. Este paso vén de completarse e, a continuación, debe ser o Concello quen siga os mesmos pasos para, posteriormente, proceder á sinatura final.

“Volvemos ao mesmo punto no que estabamos hai tres semanas. Perdemos un tempo marabilloso pero podemos dicir que a Deputación fixo os seus deberes de xeito rápido i eficaz. Xa enviamos o documento ao goberno local para que lle dea luz verde canto antes. Estamos a mediados de setembro e o convenio de 2025 continúa sen asinar”, indicou.

Luisa Sánchez lamentou a “mala planificación” do Concello de Vigo, que “non está axudando á tramitación deste convenio”. “Levamos meses e meses detrás do goberno municipal para sacar adiante este acordo, para que Vigo dispoña de 5 millóns de euros procedentes das arcas provinciais. E, como se pode apreciar, seguen a retrasar a firma”, afondou. Por iso, solicitou ao alcalde, Abel Caballero, que “non continúe demorando este asunto”.

Por último, pediu ao rexedor local que, de cara a 2026, “teña claras as súas prioridades de investimento” desde o mes de xaneiro, momento no que se abrirá o proceso de negociación e sinatura do convenio dese exercicio. “Que non teñamos que agardar á recta final de cada ano para aprobar cada convenio”, solicitou.

Publicacións Relacionadas